lunes, 6 de septiembre de 2010

O pleno desestima as reclamacións do PP aos Orzamentos 2010 con tan só tres votos en contra

Manuel Regos: "Todas e cada unha das facturas do Concello de Ordes serán pagadas"

O pleno do Concello de Ordes, reunido esta mañá en sesión extraordinaria, aprobou de maneira definitiva os orzamentos municipais de 2010, tras aprobarse a desestimación da reclamación administrativa presentada polo PP a dito orzamento.

Precisamente dita reclamación, tal e como explicaron o secretario e o interventor do Concello, non podía ser admitida por un defecto de forma na súa presentación. Segundo información facilitada polo Concello, ambos técnicos explicaron que, segundo os fundamentos xurídicos, a reclamación non podía ser admitida xa que foi presentada en nome do grupo municipal do PP, que como tal, non estaría lexitimado para facer dita reclamación, tendo en conta que na aprobación provisional dos orzamentos os membros de dito grupo non votaron o mesmo, ao haber unha abstención dun dos populares e o resto de votos en contra.


Regos: "Esta reclamación do PP implica un maior retraso no pagamentos das facturas"
Aínda así, o pleno debatiu algún dos puntos incluidos na reclamación dos populares, uns puntos que o alcalde Manuel Regos, asegurou están “fóra de tono”. O primeiro edil explicou que é curioso que en dita reclamación se faga referencia a que hai retrasos nos pagos das facturas, cando precisamente, a presentación desta reclamación por parte dos populares, ten como consecuencia un maior retraso na aprobación dos orzamentos e polo tanto en ditos pagos, “todas as facturas do Concello serán pagadas e por culpa desta reclamación pagaranse con máis retraso”.

En canto aos apartados de ingresos e gastos no orzamento, insistiu o alcalde en que un presuposto é precisamente o que se presupón podendo haber variacións, e quixo poñer como exemplo un importante investimento da Xunta para obras de saneamento e abastecemento que se presupoñía no anterior orzamento, que fora acordado co goberno autonómico do bipartito, e que o actual goberno galego todavía non fixo chegar.

No relativo a outra das alegacións dos populares ao orzamento, na que acusaban ao grupo de goberno de utilizar a aprobación dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) como mecanismo para vulnerar os límites de incrementos retributivos do persoal público, o propio secretario do Concello quixo aclarar que na RPT aprobada o persoal de plantilla segue a cobrar o mesmo que no momento actual, habendo variacións só nas prazas de nova creación.

En contra, só tres votos populares
Finalmente e despois do debate, o pleno pechouse aprobando, cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención do BNG e un edil do PP, e os votos en contra dos outros tres edís populares, desestimando a reclamación presentada por Teodosio Martino como voceiro do grupo político do Partido Popular contra o acordo de aprobación inicial do orzamento municipal de 2010, por falta de lexitimación activa do grupo político para a súa presentación, toda vez que non todos os membros do citado grupo político votaron en contra do acordo adoptado.

Previsións de ingresos "demasiado optimistas", segundo o PP
Sen embargo, dende o Partido Popular insistiron durante o debate nos argumentos que lavaron ao seu grupo a formular un total de catro reclamacións contra a "aprobación irregular dos orzamentos". Segundo as informacións divulgadas polo PP, as reclamaciós formuladas e asinadas polos concelleiros Teodosio Martino, Estrella Vázquez e Susana Mosquera, "están baseadas nun informe elaborado polo interventor municipal no que advertía de diferentes deficiencias e ilegalidades".

A intervención municipal, sempre segundo o grupo municipal popular, cualificaba como “demasiado optimistas” as previsións de ingresos contempladas para licenzas de obra, primeira ocupación ou cemiterio, entre outras, o que supón "unha irresponsabilidade política e unha infracción legal por inflar os ingresos artificialmente co obxectivo de poder gastar por riba do autorizado".

Segundo denunciaron os populares ao remato do pleno, "o Orzamento do Concello de Ordes para o ano 2010 tampouco permitirá facer fronte a todas as facturas impagadas acumuladas no que vai de lexislatura polo Goberno local e que, no seu conxunto, poden roldar xa os dous millóns de euros". Deste xeito, continúan, "só no mellor dos casos, o Concello non pagará as facturas deste ano, co que seguirá acumulando débedas para o exercicio de 2011 e posteriores, xerando novos desequilibrios presupostarios nun momento de forte contención dos ingresos e, polo tanto, con escasa ou nulas posibilidades de facer fronte a novo gasto corrente".
 
"Os traballadores non deben pagar", aseguran dende o BNG 
Por outra banda, o grupo municipal do BNG optou pola abstención porque, segundo o seu portavoz Gonzalo Castro, “os traballadores non deben pagar, coa reducción dos seus salarios, as consecuencias da irresponsábel xestión do alcalde, tal e como propón o PP”. Así mesmo, Castro tamén xustificou a abstención do BNG porque “nas alegacións non se propoñen medidas para mellorar os servizos sociais nen para realizar investimentos destinados a creación de emprego”.
 
Con respecto ás alegacións do PP, Castro salientou que “por desgraza, a difícil situación económica que está a sufrir o concello non se pode resolver coa mera maquillaxe dunhas alegacións aos Orzamentos, o que precisan os veciños é cambio de rumbo profundo na xestión municipal, que conteña medidas para paliar a situación económica do concello, como a redución do gasto e a priorización do mesmo para dotar de recursos aos servizos públicos básicos, e facer fronte ao pago das débedas cos proveedores do Concello, así como a orientación dos investimentos á creación de emprego, con actuacións como a creación dun viveiro de empresas ou a modernización e promoción da praza de abastos”.
 
*