Os nacionalistas encabezados por Gonzalo Castro participaron nas concentracións do sindicalismo nacionalista
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, celebrou que a folga xeral do 29 de setembro “fose un éxito en Galiza” e asegurou que “o BNG de Ordes estivo onde ten que estar, cos traballadores e traballadoras, coa xente que demanda un futuro mellor para este país”.
Gonzalo Castro, acompañado dos restantes membros do grupo municipal do BNG e da súa dirección local, participou este mediodía en Santiago de Compostela na multitudinaria mobilización da CIG, á que se sumaron numerosos cargos orgánicos e institucionais da comarca de Santiago, como o alcalde de Teo, Martiño Noriega, a deputada no Parlamento Galego, Ana Pontón, ou o candidato do BNG á alcaldía de Santiago, Rubén Cela, así como moitos militantes e cargos do BNG de diferentes localidades.O portavoz municipal do BNG de Ordes asegurou que “quedou claro que a mobilización foi un éxito, que miles de persoas da nosa comarca se desprazaron a Santiago a dicir que non están de acordo coas medidas do Goberno Central e da Xunta de Galiza, e a esixir unha rectificación das políticas antisociais que están a desenvolver o Goberno Central e a Xunta de Galiza”.
“O BNG de Ordes está onde ten que estar, coa maioría social da nosa comarca”
Gonzalo Castro subliñou que “o BNG de Ordes está coa maioría social da nosa comarca, defendendo que hai facer unha política favorábel aos traballadores, aos pensionistas e aos mozos e mozas”.
Con respecto ao seguimento da folga por parte dos ordenses, Castro manifestou que, “se ben o seguimento da folga por parte da hostelería e do comercio foi desigual, no sector industrial a folga tivo bastante seguimento e numerosos traballadores da nosa comarca achegaronse a Santiago a participar activamente das mobilizacións organizadas polo sindicalismo nacionalista"
Finalmente, Castro agradeceu aos veciños e veciñas da comarca a súa implicación e participación na folga xeral e afirmou que, “hai esperanza e hai alternativa e hai un pobo, o galego, que nen se resigna nen baixa a cabeza, que ten enerxía e que ten coraxe para enfrentarse ás políticas antipopulares que ditan o Fondo Monetario Internacional e a Comisión Europea e que aplican sumisamente Zapatero e Feijóo ou, o que é o mesmo, PSOE e PP”.
Foto arriba: Gonzalo Castro, no extremo esquerdo da pancarta con chaqueta clara, nas mobilizacións desta mañá en Santiago de Compostela xunto aos dirixentes nacionalistas Ana Pontón e Rubén Cela, entre outros.
*