lunes, 6 de septiembre de 2010

O Centro de Información á Muller pasa a mans da Mancomunidade

A entidade supramunicipal solicitará unha subvención á Xunta para a súa creación, e agarda instaurar o novo servizo a partir de xaneiro de 2011

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou hoxe solicitarlle unha subvención á consellería de Traballo e Benestar para instaurar a partir do vindeiro mes de xaneiro de 2011 un Centro de Información á Muller (CIM) con cobertura oficial para os sete municipios da comarca ordense: Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.
Deste xeito, o actual CIM, dependente do Concello de Ordes, pasaría a ter unha xestión mancomunada. No caso de obter a subvención autonómica solicitada hoxe, a entidade supramunicipal habilitará nos seus orzamentos do vindeiro ano os recursos necesarios para a posta en marcha do seu CIM.

Os traballadores pasan á Mancomunidade
Na sesión plenaria de hoxe tamén se acordou que en futuras reunións valorarase cal é o sistema axeitado para transferir á mancomunidade o persoal do actual CIM. Polo de agora este é un aspecto sen dirimir, xa que a previsión é abordalo unha vez estea confirmada a subvención solicitada á consellería.

No pleno desta mañá participaron os alcaldes de Frades, Miguel Prado Patiño (tamén presidente da mancomunidade); de Mesía, Mariano Iglesias Castro; de Oroso, Manuel Mirás Franqueira; e de Trazo, José Dafonte Varela. En representación de Cerceda acudiu a concelleira María Isabel Castro Fraga; e polo concello de Ordes participou o concelleiro Nel Astray Mariño, á vez vicepresidente da mancomunidade.

Prestacións actuais do CIM
Baixo a titularidade da mancomunidade, o Centro de Información á Muller manterá como mínimo a gama de servizos e os programas actuais, desde as súas áreas de información xurídica, de atención psicolóxica, de formación e recursos, de programación de actividades, e de atención específica.
Na área de información xurídica ofrécese asesoría en temas como separacións, divorcios, herdanzas, impago de pensións de alimentos, vivenda, custodia, malos tratos e prestacións sociais. A área psicolóxica aborda casos de depresión, ansiedade, maltrato e problemas de autoestima, intervén en situacións nas que se precise mediación familiar, de dificultades na parella, adicións, e ofrece apoio grupal a persoas afectadas por enfermedades crónicas.

Desde a área de formación e recursos, o CIM programa cursos para persoas desempregadas e ocupadas, ofrece información sobre axudas ao aluguer de vivenda, axudas a familias numerosas, axudas económicas a vítimas de violencia de xénero, e sobre recursos para a conciliación da vida laboral e familiar. De xeito parello, a área de actividades programa charlas, obradoiros, as actividades da escola de nais e pais, excursións, video-forums e diversas campañas de sensibilización.

Por último, o CIM dispón dunha área na que se ofrece atención específica para emigrantes e inmigrantes retornados, para persoas con discapacidade, para vítimas de violencia de xénero, para situacións de prostitución, e para familias monoparentais, entre outros.

Foto: Momento da intervención do vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Nel Astray, durante o pleno desta tarde.
 
*