lunes, 27 de septiembre de 2010

Manuel Regos pide á Xunta unha escola obradoiro para Ordes


Foi durante a clausura esta mañá do obradoiro de emprego Ramón Ruibal na que participaron 26 alumnos do municipio

O obradoiro hoxe clausurado deu comezo fai un ano e nel desenvolvéronse os módulos de carpintería, albanelería e xardinería

O alcalde Manuel Regos foi o encargado de clausurar esta mañá o obradoiro de emprego Ramón Rubial II, nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o Director Xeral de Promoción do Emprego da Xunta, Andrés Hermida, así como polos alumnos e alumnas participantes no obradoiro, o director e mestres do mesmo e os compañeiros da Corporación.

Durante o acto, o director do obradoiro, José Antonio Fra, quixo facer un percorrido polas obras nas que participaron os alumnos e alumnas do mesmo, como foi o acondicionamento e rehabilitación das escolas unitarias de Poulo, Leira e Barbeiros para convertilas en locais sociais de ditas parroquias, así como a rehabilitación da Rectoral de Beán para o mesmo fin. Ademais tamén levaron a cabo melloras no entorno e nalgunhas das edificacións da estación de Parada.


Formación para a xuventude ordense
Por outra banda Regos aproveitou a ocasión para solicitar aos representantes da Xunta unha escola obradoiro para o municipio, tendo en conta que Ordes tería un gran potencial de participantes ao contar con máis de 1.200 mozos e mozas de entre 17 e 25 anos e destacando a importancia que tería para afastar das rúas ou de malos hábitos aos rapaces, ademais de ter tamén unha gran importancia a formación para conseguir un emprego.

Por outra parte tanto o delegado territorial da Xunta, Diego Calvo, como o Director Xeral de Promoción de Emprego, Andrés Hermida, tamén quixeron agradecer a colaboración do Concello de Ordes nesta iniciativa, así como felicitou aos participantes por todos os traballos realizados animándoos agora a buscar un traballo despois de conseguir a formación nas diferentes especialidades.


Entrega de diplomas
Ao final do acto, o alcalde e os representantes da Xunta fixeron entrega dos diplomas acreditativos aos alumnos e alumnas do obradoiro de emprego. En total, neste obradoiro, que daba comenzo hai un ano, participaron 26 alumnos e alumnas do municipio nas especialidades de xardinería, albanelería e carpintería.

Foto arriba: Un grupo de participantes no II obradoiro de traballo Ramón Ruibal cos invitados e autoridades convidadas ao acto da clausura.

Foto medio: O alcalde de Ordes, Manuel Regos, descobre a placa en recordo da clausura en presenza do director xeral de Promoción de Emprego da Xunta de Galicia, Andrés Hermida e Diego Calvo, delegado territorial da Xunta de Galicia. 

Foto abaixo: Andrés Hermida entrega un diploma a un dos 26 participantes no obradoiro de emprego de Ordes, Ramón Ruibal.

*