viernes, 3 de septiembre de 2010

O Partido Popular impugna os orzamentos do 2010

O PP de Ordes formula catro reclamacións administrativas contra o orzamento municipal para corrixir os defectos de forma advertidos pola Intervención do Concello

O documento rexistrado, baseándose nun informe do Interventor municipal, advirte que as contas municipais de 2010 "non se axusten á legalidade, son irreais, están infladas e non permiten facer fronte ás facturas impagadas no presente mandato"

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ordes informou onte xoves, que continúa á espera de que o Concello admita a trámite e xestione as reclamacións administrativas formuladas por este Partido contra o orzamentos municipais do ano 2010, aprobados a finais do pasado mes de xullo e que, a xuízo do PP, incumpren a lei, ao tempo que son irreais, presupostan ingresos inflados artificialmente e non permitirán facer fronte ás débedas acumuladas.

O escrito, asinado polo seu voceiro municipal Teodosio Martino, e refrendado polas concelleiras Estrella Vázquez e Susana Mosquera,inclúe un total de catro reclamacións administrativas, cuia tramitación, segundo os populares, "o Concello está tratando de evitar, utilizando subterfuxios, como hipotéticos defectos de forma, para evitar unha nova tramitación presupostaria, axustada a dereito e conforme cos requerimentos da intervención municipal".

Así, nas súas reclamacións, o Grupo do Partido Popular recordou que a propia intervención municipal cualifica como “demasiado optimistas” as previsións de ingresos contempladas para licenzas de obra, primeira ocupación ou cemiterio, entre outras, o que supón unha irresponsabilidade política e unha infracción legal por inflar os ingresos artificialmente co obxectivo de poder gastar por riba do autorizado.

O informe da Intervención municipal, sempre segundo os populares, apunta que os gastos orzamentados no capítulo 2 do orzamento “poden ser insuficientes respecto ás necesidades para as que se prevén”.

Máis facturas impagadas
Ademais, o Orzamento do Concello de Ordes para o ano 2010 inclúe algunhas das facturas impagadas no que vai de lexislatura polo Goberno local e que, no seu conxunto, poden roldar xa os dous millóns de euros. Deste xeito, e no mellor dos casos, segundo o PP, o Concello será incapaz de pagar as facturas emitidas neste ano, co que seguirá acumulando débedas para o exercicio de 2011 e posteriores, xerando novos desequilibrios presupostarios nun momento de forte contención dos ingresos e, polo tanto, con escasa ou nulas posibilidades de facer fronte a novo gasto corrente.

Advirten tamén os populares ordenses da ilegalidade na que incorre o Concello de Ordes ao establecer un incremento retributivo encuberto, pola vía da nova Relación de Postos de Traballo (RPT), ao persoal municipal, facendo caso omiso da obriga legal de redución salarial para os empregados públicos.

Con todo iso, os populares insisten en que o Goberno debería dar a cara e contestar as reclamacións punto por punto, pero como saben que os populares teñen razón agora buscan disculpas para non entrar a valorar o fondo das reclamacións.

Contido da reclamación
O contido da reclamación presentada no rexistro do Concello en data de 9 de agosto de 2010 é como segue:

D. Teodosio Martino Martino, voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular do Concello de Ordes, en virtude do establecido nos artigos 169.1 e 170 do RDLEX 2/2004 de 5 de marzo pola que se aproba a Lei de Facendas Locais de Galicia, e segundo o establecido pola xurisprudencia constitucional nas súas STC 173/2004 de 18 de outubro e STC 108/2006, presenta as seguintes RECLAMACIÓNS ADMINISTRATIVAS ao orzamento aprobado inicialmente con data 27 de Xullo, cuxa exposición ao público produciuse no anuncio do BOP de data 28 de Xullo 2010.


MOTIVOS

PRIMEIRO.- No que respecta á utilización do apartado 7 do artigo 22 da Lei 26/2009 para xustificar o incremento retributivo, entendemos que a aprobación dunha nova RPT non pode ser utilizado como mecanismo para vulnerar os límites de incrementos retributivos do persoal público que por Lei se estableceron no artigo 22 da Lei 26/2009. Este apartado 7 advirte que únicamente con carácter “excepcional e singular” poderán as administracións públicas incumprir as obrigas xerais, e semella evidente que unha modificación dun instrumento de persoal non pode ter este carácter de excepcionalidade, xa que chegaría con que cada entidade local modificase a súa RPT ( de carácter como moito reglamentario), para saltar e vulnerar os límites legais establecidos polas Leis.

Asemade, a finalidade da normativa, así como incluso da máis recente (Decreto Lei 8/2010 de 24 de maio) apostan por unha reducción e contención do gasto de persoal das administracións públicas, e camiño moi diferente está tomando o concello de Ordes, por unha banda non cumprindo as limitacións de gasto establecidas no artigo 22 da Lei 26/2009, e por outra, ademáis, incrementando os niveis e soldos dos empregados públicos municipais nun contexto de grave crise económica.


Xa que logo, poñemos a reclamación administrativa por entender que non se axusta a dereito o anexo de persoal aprobado provisionalmente e polo tanto o incremento do Capítulo 1 por enriba do establecido no artigo 22.2 da Lei 26/2009.

SEGUNDO.- As previsións de ingresos , e en especial as que se refiren aos conceptos de ICIO, IVTM, IAE e taxas (licenzas de obra, 1º ocupación, apertura e cemiterio) son informadas negativamente pola Intervención municipal ao describilas como “demasiado optimistas” e “bastante optimistas”, concepto non xurídico, pero que supoñemos se traduce xurídicamente en “non reais” e que poden xerar no contexto actual un desequilibrio orzamentario todavía maior. Así, é unha irresponsabilidade, ademáis dunha infracción do ordenamento o inflar os conceptos de ingresos para poder gastar máis do que se debe.

Xa que logo, poñemos unha reclamación administrativa fundamentada no suposto do artigo 169.2. c) ao ser o orzamento de ingresos, segundo o informe de intervención, irreal e inflado, e polo tanto ser os ingresos propostos manifestamente insuficientes con relación aos gastos orzamentados.

TERCEIRO.- Na mesma liña o informe do Interventor establece que os gastos orzamentados no capítulo 2 “poden ser insuficientes respecto ás necesidades para os que se prevén”, e que polo tanto, que a contención do gasto “ resulta demasiado ambiciosa”.

Xa que logo poñemos unha reclamación administrativa fundamentada no suposto do artigo 169.2. b) por omitirse no orzamento de gastos do capítulo 2 o crédito necesario para o cumprimento das obrigas esixibles.

CUARTO.- Ao incluir no orzamento de gastos as facturas de exercizos anteriores, que por certo ascenden a cantidades moi elevadas, o máis probable é que o crédito consumido neses recoñecementos extraxudiciais de crédito impida a aplicación do mesmo aos gastos correntes, e polo tanto, quedando novas facturas do ano 2010 para a súa aprobación no ano 2011, e así incumprindo de maneira reiterada o principio de anualidade, así como a nivelación orzamentaria para facer fronte a todos os gastos. Adiantanos o informe do Interventor que o máis probable é que na liquidación do orzamento que estamos aprobando non se acaden os resultados previstos, o que significa o desaxuste do orzamento presentado coa realidade económica e coa normativa de aplicación.


Xa que logo poñemos unha reclamación administrativa fundamentada no suposto do artigo 169.2. b) por omitirse no orzamento de gastos o crédito necesario para o cumprimento das obrigas esixibles ao adicar gran cantidade de crédito a facturas de exercizos anteriores e non reaxustar siginificativamente as partidas para os gastos do exercizo presente.


Polo exposto,


SOLICITAMOS: Que tendo por presentado este escrito se admita e por formulada en tempo e forma a reclamación contra o Orzamento Xeral do Concello de Ordes para o exercicio de 2010, previos os trámites legalmente previstos, se leve o expediente novamente ó Pleno da Corporación Municipal para resolver sobre a aprobación definitiva do Orzamento, introducindo no mesmo as modificacións que se deriven da estimación da presente reclamación.

En Ordes a 9 de Agosto de 2010.

Teodosio Martino Martino
Voceiro do Partido Popular

*