martes, 21 de septiembre de 2010

Como ensinar aos nosos maiores a non aburrirse?

Quince persoas fórmanse nun curso de animación xerontolóxica da Mancomunidade

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acaba de iniciar un curso de animación xerontolóxica, orientado á mellora da empregabilidade de personas desocupadas. O curso, que se imparte nas dependencias do Museo do Traxe de Ordes, conta coa participación dunhas quince persoas. As clases prolongaranse ata o 19 de novembro. En horario matinal de 9 a 14 horas, están sendo impartidas por dúas profesoras con ampla experiencia no sector da terceira idade e dos servizos sociais.
A creación de residencias e centros de día, a ampliación das programacións dos centros socioculturais e clubs de xubilados ou a necesidade de dinamizar centros municipais e vivendas comunitarias fan pensar nun aumento da demanda deste tipo de profesionais. Tal como explicou o presidente da Mancomunidade, Miguel Prado Patiño, “o interese das persoas maiores polo aproveitamento do tempo libre é cada vez maior e está claro que calquera traballador que queira desempeñar as súas funcións con este colectivo debe estar familiarizado coas súas particularidades e coñecer as técnicas específicas de animación”.

Prácticas non laborais
O curso de animación xerontolóxica da Mancomunidade de Ordes ofrece tamén prácticas non laborais en centros de atención á terceira idade, tanto públicos como privados. Coas prácticas, o alumnado poderá aplicar a teoría aprendida durante a acción formativa. A formación de persoas nesta categoría profesional resulta útil para as empresas e entidades do sector da dependencia para aumentar a súa competitividade e mesmo reducir custos, ao aumentar a calidade de vida dos maiores.

O curso está financiado nun 80% polo Fondo Social Europeo e no 20% restante pola administración autonómica. Por cada día de asistencia ao curso, o alumnado recibe unha bolsa de desprazamento de sete euros.

Foto: Os alumnos participantes posan xunto ao alcalde de Ordes, Manuel Regos, ás portas do Museo do Traxe Juanjo Liñares.

*