viernes, 12 de junio de 2009

Uns 3.000 cans chegarán ao Mesón do Vento na XVII Feira de Cans de Caza

.
O evento terá lugar no recinto feiral de Mesón do Vento os días 1 e 2 de agosto

A feira incluirá a novidade dunha degustación gratuita de produtos de caza nos restaurantes do Mesón do Vento


Os cazadores poderán inscribirse no teléfono 689 550 728

O Concello está a ultimar os detalles da XVII Feira de Cans de Caza do Mesón do Vento, que terá lugar os días 1 e 2 de agosto. O concelleiro de Turismo e Mercados, Luis Gómez Candal asegura que “a Feira do Mesón do Ventos será unha das que maiores premios vai repartir de toda Galicia”. Así, o Concello de Ordes vai repartir máis de 3.000 euros en metálico e outros 4.000 euros máis en sacos de penso nas tres competicións existentes: campionato de rastro, campionato de caza de perdiz con can e exposición de cans de caza. Un atractivo co cal o Concello de Ordes espera animar a moitos cazadores a inscribírense neste certame, para o que deberán chamar ao teléfono 689 550 728.

Campionato de Rastro
O programa de actividades da XVII Feira de Cans de Caza abrirase o sábado 1 de agosto coa quinta edición do Campionato de Rastro, modalidade xabarín. Paralelamente terá lugar o Campionato de Caza de Perdiz con Can. Para ambas competicións, o Concello de Ordes ten preparados seiscentos euros en premios que se repartirán do seguinte xeito: 300 euros para o primeiro clasificado, 150 para o segundo, 75 para o terceiro, 50 para o cuarto e 25 para o quinto clasificado. Os dez primeiros levarán tamén un saco de penso e unha medalla conmemorativa.

A inscrición en cada unha das competicións custa 30 euros, e inclúe a participación nun xantar de confraternidade ese sábado. O sorteo dos percorridos terá lugar ás 7:30 horas do sábado 1 de agosto no recinto feiral do Mesón do Vento e os participantes serán puntuados tanto polo número de pezas capturadas como polo tempo empregado para facelo.

A feira de cans será o domingo
E o domingo 2 de agosto terá lugar a decimosétima edición da Feira de Cans de Caza. O recinto feiral do Mesón do Vento abrirá as súas portas a partires das 8:30 horas, se ben dende a organización lémbranlle aos cazadores que vaian expoñer aos seus cadelos que deben chegar antes das 9:30, xa que a partir desa hora prohibirase o acceso de vehículos ata o recinto feiral.

Nesta feira, repartiranse máis de 1.800 euros en premios nas distintas modalidades a concurso, no que estarán representadas ata trinta razas. Así, o mellor can da mostra levará 150 euros, o segundo clasificado 100 euros e o terceiro 75 euros, ademais da pertinente medalla para cada un. Así mesmo, tamén se outorgarán premios de 50 euros para as distincións ao mellor can de cada raza e á mellor camada de caza maior e menor (nas modalidades de coello e perdiz). Ademais, todas as gaiolas serán agalladas cun saco de penso.

Esta XVII Feira de Cans de Caza está organizada polo Concello de Ordes, en colaboración coa Asociacións Feira de Cans-Amigos de Ardemil, Ferralla Lois, Reale Seguros e Moure Villaverde SL.

As frases de Luis Gómez Candal, concelleiro de Turismo e Mercados
"Temos o obxectivo de converter a feira na mellor de Galicia, algo que esperamos conseguir nesta edición xa que esperamos incrementar nun 50% o número de exemplares participantes, ata chegar aos 3.000 cans"

“Agardamos que poidan participar centos de cazadores e que milleiros de persoas se despracen ata o Mesón do Vento para disfrutar desta feira como na pasada edición, onde poderán ver máis de 3.000 cans de caza”


Foto arriba: Imaxe da pasada edición da Feira de cans de Mesón do Vento.

*