.
O Concello consegue unha subvención de 800.000 euros da Deputación que se irán para unha senda peonil e o arranxo do Recreo
Regos: "A senda verde de máis de catro quilómetros permitirá ir andando dende Ordes ata Poulo"
No Recreo se mellorará o seu entronque coa N-550, dotarase de novas beirarrúas e se botará unha capa de aglomerado
O Concello vén de conseguir unha subvención de 800.000 euros da Deputación Provincial da Coruña para acometer dúas importantes obras para o futuro do municipio: a construción dunha senda peonil de máis de catro quilómetros entre Ordes e Poulo; e unha profunda remodelación da rúa do Recreo, unha travesía responsabilidade da institución provincial.
Do Paraíso a Poulo
Este paseo peonil, ou senda verde, consiste nunhas beirarrúas de dous metros de ancho, cunha base de zahorra artificial compactada e con quince centímetros de formigón. Un paseo que unirá o barrio do Paraíso (Vila de Ordes) coa localidade de Poulo (parroquia de Poulo) ao longo de máis de catro quilómetros seguindo a estrada a Ponte Carreira e a antiga estrada a Poulo.
Un gran proxecto que, unido á travesía alternativa de Ordes aprobada pola Xunta en febreiro deste ano, permitirán que Ordes conte cun gran paseo peonil, duns sete quilómetros de lonxitude, que sairía de Poulo e remataría no IES Maruxa Mallo. Un gran paseo que incluiría tamén máis de dous quilómetros de carril bici.
Profundo arranxo da Rúa do Recreo
Así mesmo, o acordo coa Deputación da Coruña tamén inclúe un profundo arranxo da rúa do Recreo. “Imos botarlle aglomerado, construir novas beirarrúas, instalar novo alumeado e reparar o saneamento aló onde sexa preciso”, anuncia o concelleiro de Urbanismo, Roberto González.
A concesión desta subvención de 800.000 euros da Deputación da Coruña é froito do traballo e das longas negociacións levadas a cabo polo grupo de Goberno de Ordes e a institución provincial. Unhas negociacións que comezaron coa visita a Ordes do responsable de Obras da institución provincial, Bernardino Rama, o pasado 12 de febreiro de 2008, e que culminan esta semana.
.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Agradezo a gran colaboración amosada pola Deputación da Coruña, que permitirá acometer dúas obras que mellorarán a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, que poderán disfrutar en breve dun paseo peonil que permitirá ir andando dende Ordes ata Poulo"
“Esta obra [senda verde] incrementará sobremaneira a seguridade vial dos veciños e veciñas desta zona, en especial dos nenos e nenas que estudian no colexio Castelao ou no IES nº 1 que poderán volver ás súas casas por un camiño seguro, xa que na actualidade este tramo carece de beirarrúas”
A frase de Roberto González, concelleiro de Urbanismo e Obras
“Tamén imos mellorar especialmente a conexión desta travesía coa N-550, xa que o entroque vaise facer en formigón, o que evitará o deterioro do firme da estrada como acontece agora”.
Foto: Pista por onde irá gran parte da senda verde peonil.
*