domingo, 21 de junio de 2009

III Mostra de Obradoiros Culturais da comarca

.
Será inaugurada este luns 22 de xuño en Frades polo presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Miguel Prado

O Centro Cultural de Frades será sede da III Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes, que poderá visitarse gratuitamente entre o 22 e o 28 de xuño. Unha exposición que recolle unha selección de traballos de debuxo, pintura, cesteiría, manualidades, bolillos... realizados ao longo deste ano polos veciños de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo.

A mostra será inaugurada este luns 22 de xuño, ás 20:30 horas, polo presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Miguel Prado Patiño. Un acto no que estarán presentes representantes de todas as entidades que participan nesta exposición e que contará coa actuación musical do grupo de gaitas Sementeira, de Moar (Frades).

Entidades veciñais participantes
Entre os participantes nesta III Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes figuran dez escolas municipais e asociacións veciñais da comarca ordense. Así, participarán as escolas municipais de Pintura e Manualidades dos Concellos de Cerceda e Mesía, a Escola Municipal de Debuxo e Pintura do Concello de Ordes e a Escola Municipal de Manualidades, Debuxo, Pintura e Bolillos do Concello de Oroso.

Así mesmo, tamén estarán presentes asociacións de veciños como as de Aiazo (Frades) ou Chaián (Trazo); e outras entidades como as asociacións de amas de casa de Frades e Ordes, a Asociación de Mulleres de Trazo e Unidade Galega de Veciños, mulleres rurais de Santa Cruz de Montaos (Ordes).

Horarios
A III Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes poderá visitarse ata o 29 de xuño no Centro Cultural de Frades en horario de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas; e o sábado 27 de xuño, de 10:00 a 13:00 horas. Esta exposición está organizada pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes e conta co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña.


*