domingo, 21 de junio de 2009

Aberto o prazo de inscripción para o primeiro curso de verán da USC en Ordes

.
Versará sobre a xestión ambiental nos concellos galegos, poderán anotarse un máximo de 50 alumnos

O importe da matrícula oscilará entre os 70 e os 120 euros

Visitarán o embalse de Vilagudín, o punto limpo, as ETAP e EDAR e a planta de Sogama

O Concello de Ordes e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) abren esta semana o prazo de inscrición no curso de verán “A xestión ambiental nos concellos galegos”, que terá lugar entre o 7 e o 11 de setembro en Ordes. Trátase da primeira ocasión na que Ordes será sede dun curso de verán da Universidade, no que poderán participar un máximo de 50 alumnos.

A matrícula, antes do 28 de agosto
A matrícula poderá formalizarse, antes do 28 de agosto, nas Secretarías dos Cursos de Verán dos campus de Compostela e de Lugo ou no Concello de Ordes. O importe da matrícula é de 120 euros, se ben haberá unha matrícula reducida de 70 euros para os estudantes, persoas desempregadas e persoal da USC.

Este curso é unha iniciativa presentada polo Concello de Ordes, en colaboración con Francisco Peña Castiñeira, que será o director do curso, e María Julia Melgar Riol, secretaria do mesmo. Contará con poñentes de gran nivel e complementarase cunha serie de visitas prácticas ao embalse de Vilagudín, ao punto limpo e ás ETAP e EDAR municipais de Ordes, así como ao complexo medioambiental de Sogama (Cerceda).

Entre os poñentes figuran recoñecidos estudosos do medio ambiente na Universidade como Domingo Gómez Orea, catedrático da Universidade Politécnica de Madrid, ou Roxelio P. Moreira, profesor de Edafoloxía da USC; así como representantes da Administración e do mundo da empresa, como Martín Pita López, director de Aenor en Galicia ou Carlos Aymerich Rico, Xefe de Explotacións de Espina e Delfín SL.

*