miércoles, 3 de junio de 2009

Este venres non poderás aparcar nas rúas Galicia, Juanjo Liñares, Lagartos e Viriato

.
Tamén haberá cortes puntuais de circulación en varias rúas coincidindo co paso dos ciclistas participantes na segunda etapa da VIII Volta Ciclista á Provincia da Coruña

O Concello de Ordes anuncia a prohibición de aparcar nas rúas Galicia, Juanjo Liñares, Lagartos e Viriato entre as 7:00 e as 19:00 horas do venres 5 de xuño. Unha prohibición motivada pola celebración da segunda etapa da VIII Volta Ciclista á Provincia da Coruña, o que motivará tamén cortes puntuais da circulación nestas rúas.
Amplio dispositivo para o venres
O Concello ten preparado un amplo dispositivo para o día da carreira conformado por membros da Policía Local e de Protección Civil. Os ciclistas tomarán a saída dende a rúa de Galicia (á altura da Casa da Cultura) ás 14:00 horas do 5 de xuño. Baixarán pola rúa dos Lagartos ata a N-550, dende onde se dirixirán cara Mesón do Vento.

Unha vez no Mesón, xirarán cara Cerceda, pasando por localidades como A Silva, Carballo, Buño, Malpica, Ponteceso, Buño, Carballo e A Silva antes de regresar a Ordes. Nesta segunda ocasión entrarán pola rúa do Recreo, seguindo pola rúa dos Lagartos ata a estrada de Pontecarreira, dende onde se dirixirán a Folgoso, Barbeiros, Peñasco, estrada a Curtas, prolongación da rúa dos Lagartos e rúa de Galicia, onde está instalada a meta. Unha chegada que está prevista entre as 17.20 e as 18:00 horas.


*