domingo, 21 de junio de 2009

O BNG ordense presenta unha moción en defensa do sector lácteo

.
Reclaman que o Pleno inste á Xunta e ao Goberno central a adoptar medidas na súa defensa

Castro: "A actividade económica dunha parte importante do noso Concello pivota arredor do sector agrario e as actividades económicas vinculadas a él”

O BNG de Ordes presentou unha moción en defensa do séctor lácteo para o seu debate no próximo pleno da corporación municipal.

En concreto, proporán que se adopten os seguintes acordos:

1. Instar ao goberno español a renegociar a actual asignación de cotas entre os distintos estados membros da UE, de xeito que o aumento da cota se dirixa unicamente a aqueles estados que teñen unha cota moi inferior ao seu consumo interno e nos que existen segmentos importantes de explotacións, como é o caso de Galiza, que necesitan máis cota para ser viábeis.

2. Instar ao Goberno español a propoñer na UE unha actuación decidida e concreta para regular os mercados e garantir prezos aos produtores de leite, de xeito que se garanta a viabilidade do sector, do mesmo xeito que se actúa con outros sectores económicos.

3. Instar ao Goberno do Estado e á Xunta de Galiza a coordinar as actuacións necesarias para:

a) Garantir a recollida de todo o leite producido na Galiza.
b) Establecer axudas directas aos produtores de leite, para compensar o baixo prezo do leite en orixe -actualmente por debaixo do prezo de custo- en tanto non se recuperen os prezos de mercado.
c) Garantir a continuidade da industria transformadora existente na Galiza, e en concreto, da planta de Pascual na provincia de Lugo.

4. Comunicar o acordo plenario ao presidente do Goberno do Estado, ao Presidente da Xunta de Galiza, aos grupos parlamentarios do PP, do PSOE e do BNG, no Parlamento Galego e no Congreso dos Deputados.


As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes
“O sector agrario segue a ser un eixe de vital importancia na economía da comarca de Ordes, sendo unha das súas características senlleiras a súa marcada especialización gandeira, e dentro delas, sen lugar a dúbidas, é a produción láctea a que ten un maior peso”

“A actividade económica dunha parte importante do noso Concello pivota arredor do sector agrario e as actividades económicas vinculadas a él”

“A recente modificación da regulación comunitaria do sector lácteo, co horizonte da liberalización da produción de leite en 2015 precedido dun incremento lineal de cota a todos os Estados produtores da Unión Europea, incluídos os excedentarios, vén de sementar incerteza no sector ao que hai que engadirlle un drástico recorte dos prezos percibidos polos gandeiros e gandeiras, pondo ao límite a supervivencia da moitas explotacións leiteiras de moitos concellos galegos"

"Cómpre unha posición institucional inequívoca de apoio ao sector, urxindo que as Administracións competentes adopten as medidas necesarias para garantir a estabilidade e o futuro do sector lácteo galego, e con iso asegurar un medio rural vivo na nosa comarca”
“O Concello de Ordes debe dar un paso máis na defensa do noso séctor lácteo e incrementar as medidas de presión diante das administracións competentes, ademáis de apoiar as mobilizacións dos gandeiros”



Foto abaixo: Manifestación en defensa do sector lácteo en Ordes o pasado 8 de maio de 2009.
*