.
Regos: "Por fin a Garda Civil conta cun local digno en Ordes dende o que poder ofrecer unha boa atención aos nosos veciños"
.
O alcalde presentará o vindeiro martes ante a Dirección Xeral da Garda Civil o proxecto definitivo para a casa cuartel
.
Os 21 axentes que a Garda Civil ten Ordes estrearon onte venres as súas novas dependencias ubicadas nun local situado xusto enfronte do actual posto e que foi cedido por un prazo de dous anos polo Concello de Ordes (data na que xa estará construida a casa cuartel). Unhas instalacións que foron visitadas polo alcalde Manuel Regos, e polo concelleiro de Urbanismo, Roberto González.
.
O novo local ten unhas dimensións de 338 metros cadrados, que substitúen ao antigo e obsoleto posto da Benemérita no que tan só había 40 metros cadrados para a atención ao público.
As novas instalacións, que serán inauguradas próximamente, contan con un área de recepción e zona de espera, un par de calabozos con aseo independente, unha oficina para o equipo de investigación, unha oficina para a recepción de denuncias e outra para intervención de armas, tres despachos, arquivo, sala de xuntas, baños e vestiarios con baños para homes e mulleres.
.
Deste xeito, por exemplo, evítase que os detidos tivesen que compartir espazo cos veciños que acudían ao posto. Ademais, a Garda Civil terá un aparcamento para ata catro vehículos, que antes tiñan que estacionar na rúa, fronte ao antigo posto.
.
Lugar confidencial
As novas instalacións permitirán dispoñer dun lugar confidencial onde poder expoñer o caso ante os axentes. Unha situación que xa fora denunciada en reiteradas ocasións dende a concellería de Asuntos Sociais de Ordes e dende o Centro de Información á Muller, xa que as mulleres maltratadas non dispoñían dun lugar privado dende o que facer as súas denuncias e, en moitas ocasións, tiñan que expoñer o seu caso diante de outros veciños presentes no local.
.
Manuel Regos explica que o Concello de Ordes cederá este local á Garda Civil por un periodo de dous anos, tempo durante o cal se construirá a casa cuartel no barrio do Paraíso. Unha medida transitoria que xa fora aprobada polo pleno municipal do mes de maio de 2008.
.
Unha vez que o pleno municipal do pasado mes de maio de 2009 aprobou todos os trámites administrativos necesarios para a cesión dunha parcela de 1.350 metros cadrados ubicada no barrio do Paraíso (Ordes), agora será a Dirección Xeral da Garda Civil quen sacará a licitación a construción dunha Casa Cuartel con capacidade ata para 30 axentes.
Un proxecto no que se van investir uns 1,6 millóns de euros e que o Concello de Ordes agarda que sexa licitado a finais de 2009, de xeito que as obras poidan comezar o vindeiro ano 2010.
.
As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Por fin logramos que, despois de case trinta anos, a Garda Civil teña en Ordes un local digno dende onde dar un servizo axeitado e de calidade aos veciños e veciñas de Ordes"
"Trátase dunha medida de carácter eventual, por un máximo de dous anos, ata a construción do cuartel cuxo proxecto definitivo entregarei este martes en Madrid diante da Dirección Xeral da Garda Civil"
.
As frases de Roberto González, concelleiro de Urbanismo e Obras
"Estas novas instalacións permitirán ofrecer un mellor servizo aos veciños que teñan que presentar unha denuncia ou reclamación, xa que agora disporán dunha sala separada na que poder facelo e non terán que pasar o apuro de explicar o seu caso diante do resto de persoas que estén presentes no local nese intre"
Fotos: Despachos (arriba); sala de denuncias (medio); exterior (abaixo).
*