sábado, 6 de junio de 2009

O Concello plántalle guerra ás contaminantes bolsas de plástico

.
Repartirán 10.000 bolsas de compra biodegradables feitas a partires de poda

Cada persoa consume 238 bolsas plásticas ao ano

O novo presidente de Sogama, Luis Lamas confirma o matenemento das "boas relacións" con Ordes

O Concello repartirá nas vindeiras semanas entre os comerciantes do municipio un total de 10.000 bolsas da compra biodegradables, feitas a partires de restos de poda e que se biodegradan en tan só 35 semanas. Unha campaña que o Concello de Ordes e Sogama presentaron na tarde do venres aos comerciantes e empresarios do municipio, que serán os encargados de que as bolsas cheguen aos veciños e veciñas de Ordes.

Como xa pasara con Antón Louro ao ser nomeado Delegado do Goberno na provincia que dedicou a súa primeira saída oficial a Expo Ordes, nesta ocasión era o novo presidente de Sogama, Luis Lamas, quen se estreaba na nosa vila na súa primeira visita oficial.

O concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, foi o encargado de explicar os obxectivos desta campaña aos numerosos comerciantes e empresarios presentes na sala, entre os que se atopaban a presidenta da Asociación de Comerciantes de Ordes (Acordes) e o presidente dos empresarios do Polígono de Merelle.

10.000 bolsas de papel reciclado o ano pasado
O Concello vai máis aló da campaña realizada o pasado ano, na que se repartiron 10.000 bolsas de papel reciclado, xa que as bolsas presentadas hoxe degradaranse en apenas 35 semanas como consecuencia da acción dos distintos microorganismos e fungos do medio natural, evitando calquer tipo de residuo ou contaminación medioambiental.

Cada persoa consume unha media de 238 bolsas plásticas ao ano, xa que nin tan sequera a metade delas volven ser reutilizadas. Cada unha destas bolsas é un perigo potencial para o medio natural, xa que tardan séculos en desintegrarse e depositan na terra e nas augas distintos elementos contaminantes procedentes do refinado do petróleo que se utilizan na súa fabricación.

As frases de Luis Lamas, presidente de Sogama
“Este é o meu primeiro acto público como presidente de Sogama e ten unha trascendencia especial”

“Sempre defendín que cando algo funciona ben non é preciso amañalo, así que como as relacións entre Sogama e o Concello de Ordes son boas podo dicir que esa relación se vai manter

As frases de Xesús Pedreira, tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente
Estas bolsas son igual de resistentes cas tradicionais de plástico, pero teñen a característica que se biodegradan en apenas 35 semanas e non supoñen unha seria ameaza para o medio natural como as bolsas de plástico”

“Estas bolsas, a diferencia doutras que se entregan noutros lugares, non están feitas nin con patacas nin con millo nin con papel reciclado, senón con restos de poda, é dicir, utilizando residuos que non serven para nada máis e evitando dese xeito utilizar alimentos que poden destinarse a outros fins”

As frases de Manuel Regos, alcalde de Ordes
“Ordes é un concello que sempre establece as mellores relacións con todo o mundo

"A presenza de Luis Lamas non é para pedir nada, senón para que seguir mantendo a colaboración que tivermos ata o de agora e que está a permitir que fagamos xuntos importantes proxectos a nivel medioambiental como o destas bolsas biodegradables”

(Foto abaixo: Ramón Váquez, Silvia Marín, Luis Gómez, Luis Lamas, Manuel Regos, Xesús Pedreira, Manuel Astray e Roberto González)

*