"Coa dirección galega de Adega nunca tivemos problemas, os problemas son cos membros do BNG que compoñen a delegación de Adega en Ordes"
"Espero que cando esté rematado o paseo fluvial, teñan o mesmo descurso diante dos veciños e veciñas"
O concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, asegura que as obras de acondicionamento das marxes do río Mercurín permitirán “gañar 30.000 metros cadrados de zona verde para os veciños e veciñas de Ordes, converténdose no gran parque urbano do municipio”.
O socialista lamenta as críticas lanzadas dende Adega ao proxecto e asegura que “en ningún caso as obras están afectando ao cauce do río ou ás árbores da zona, tan só se desbrozaron as beiras e construíuse unha ponte provisional para que poidan pasar as máquinas. Unha ponte que desaparecerá unha vez rematen as obras”.
Pedreira lamenta a actitude da delegación ordense de Adega cara as actuacións do seu departamento. “Coa dirección galega de ADEGA nunca tivemos problemas e estamos colaborando en proxectos de compostaxe, no Proxecto Ríos e no Voluntariado Verde”, explica. “Os problemas son cos membros do BNG que compoñen a delegación de ADEGA en Ordes, que denuncian todo o que se fai para mellorar Ordes e se adican a tentar torpedear todo o que se fai dende Medio Ambiente”. “Espero que cando esté rematado o paseo fluvial, teñan o mesmo descurso diante dos veciños e veciñas de Ordes”, apunta Xesús Pedreira.
O proxecto do paseo fluvial conta cos parabéns tanto de Augas de Galicia como da Consellería do Medio Ambiente. Ademais, foi sometido a exposición pública durante 30 días e non houbo alegación algunha.
O proxecto do paseo fluvial conta cos parabéns tanto de Augas de Galicia como da Consellería do Medio Ambiente. Ademais, foi sometido a exposición pública durante 30 días e non houbo alegación algunha.
As frases de Xesús Pedreira, tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente
"Este paseo fluvial será un punto de encontro para os nosos veciños, un lugar onde poderán estar en contacto coa natureza nunha zona recuperada despois de moitos anos”
"A execución deste proxecto suporá a recuperación do ecosistema fluvial do Mercurín ao longo de preto de dous quilómetros, concretamente entre os muiños da Silva e da Braña, que tamén serán recuperados xa que eran auténticos vertedeiros"
*