jueves, 16 de julio de 2009

Aprobados os orzamentos municipais máis altos da historia de Ordes

.
O investimento por veciño achégase aos 1.500 euros, cinco veces máis ca presión fiscal por habitante, que ascende a 291 euros

Regos: "Durante 2008 o Concello de Ordes creou 70 postos de traballo, entre o obradoiro de emprego, o grumir e outras actuacións”

A corporación aproba unha operación de 1,03 millóns de euros para aboar todas ás débedas pendentes con empresas e autónomos

O pleno municipal do Concello aprobou esta mañá os seus orzamentos, os máis elevados e investidores de toda a súa historia. Unhas contas que contemplan un superávit de 389.992 euros, xa que contemplan uns ingresos de 18.243.038 euros e uns gastos de 17.853.046 euros. Unhas contas que foron aprobadas cos nove votos a favor do grupo de Goberno e cos oito votos en contra da oposición.

Estes orzamentos contemplan unha partida de 9.142.835 euros para investimentos reais, un capítulo que medra nun 69% con respecto a 2008 e que representa o 51,21% do gasto municipal. Unhas contas que poñen especial énfase na posta en marcha de medidas complementarias de pulo á actividade económica e en políticas sociais de emprego. Así, o Concello vai investir 1.137.895 euros en proxectos de fomento do emprego no municipio, o que supón o 13,63% do gasto corrente de Ordes.

Fronte ás críticas dos grupos da oposición, que cuestionaron a fiabilidade das cifras e investimentos contemplados nestes orzamentos, Roberto González asegurou que “se en Ordes houbese unha oposición razoable poderían todos votar a favor destes orzamentos”. Así, o voceiro municipal recoñeceu que o BNG ten razón ao dicir que hai dous millóns de euros sen executar do orzamento 2008 e que agora se recollen nas contas de 2009. “Pero hai que dicilo todo”, advertíu González, “tamén hai que dicirlles aos veciños que hai 1,8 millóns de euros que dependen da Consellería do Medio Ambiente, non do Concello de Ordes, e non podemos facer nada máis que agardar a que a Xunta contrate esas obras”.

De feito, Roberto González cuestionou os coñecementos dos grupos popular e nacionalista sobre como se elaboran uns orzamentos. “Os veciños saben que non os enganamos porque as contas cantan”, apuntou e bromeu ofrecéndose a explicarlles á oposición cómo se elabora un orzamento: “se queren, un día doulles unhas clases de orzamentos. Non lles cobrarei nada”.

Neste sentido, e ante a queixa de Teodosio Martino sobre a partida de 2,16 millóns para a travesía de circunvalación de Ordes, González explica que “os orzamentos recollen unha previsión de ingresos e unha prevención de investimentos. Se non contemplamos a posibilidade de facer un investimento, despois teriamos que facer expedientes de modificación dos orzamentos, o cal supón andar con trámites administrativos que o único que farían sería demorar o desenvolvemento das obras”.

Situación do persoal municipal
Pola súa banda, Manuel Regos pechou o debate sobre os orzamentos respondendo unha por unha a todas as obxecións plantexadas polos grupos da oposición. Así, diante das queixas de Nova Alternativa sobre a situación do persoal municipal, Regos Boquete explicou que a Relación de Postos de Traballo está sendo estudiada nestes momentos polo Concello de Ordes e os sindicatos.

Sen embargo, para os nacionalistas, á aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2009 constituen un “intento de engano masivo aos veciños de Ordes, ademáis de non dar solución aos problemas dos veciños”. Gonzalo Castro manifestou que “o goberno minte nos datos que fai públicos con respecto á previsión de investimentos reais que figuran no orzamento, xa que dous millóns de euros en investimentos incluidos no orzamento deste ano correspóndense con actuacións incluidas nos orzamentos do ano pasado, e que non foron executadas, aos que hai que engadir os 2,2 millóns que incluen nos orzamentos para o desvío da ronda este, cando no convenio que asinou o Concello coa Xunta, só está prevista unha inversión para este ano de 200.000 euros,”.

Fronte ás demandas do BNG (que reclamaba partidas para obras como o centro de día, o local de ensaio, a remodelación da praza de abastos ou o viveiro de empresas), Regos Boquete asegurou que “este goberno fixo os deberes e presentou na Xunta un proxecto para facer un centro de día, con entrega de terreo para facelo. Ademais, cedimos un terreo para unha casa da mocidade, no que irían dous locais de ensaio para os nosos grupos”. Así mesmo, lembrou que os orzamentos inclúen unha partida de 140.000 euros para a reforma da praza de abastos e outros 200.000 euros para mellorar o firme da estrada de acceso ao polígono industrial de Merelle.

Atención aos inmigrantes
Así mesmo, Regos Boquete fixo especial fincapé nos investimentos na prestación de servizos sociais aos veciños e veciñas de Ordes. Así citou a creación dunha oficina de atención aos inmigrantes, a elaboración dun protocolo de actuación contra a violencia de xénero, as actividades extraescolares gratuitas para as familias ou a iniciativa de levar as actividades dos maiores ás distintas parroquias do municipio.

Abono de débedas con empresarios e autónomos
O segundo punto forte de debate no pleno extraordinario desta mañá en Ordes foi a aprobación dunha operación por un importe de 1,03 millóns de euros ao abeiro do Real Decreto Ley 5/2009, de 24 de abril, de medidas extraordinarias e urxentes para facilitar ás entidades locais o saneamento das débedas pendentes de pago con empresas e autónomos. Unha operación que permitirá que o Concello de Ordes poda saldar todas as débedas que contraíu con 413 empresas entre os meses de xuño e decembro de 2008; así como afrontar o remanente de tesourería negativo do exercicio anterior.

Roberto González explicou que “unha parte importante desta débeda procede do obradoiro de emprego, xa que a Xunta só paga ao persoal pero é o Concello o que ten que poñer o material e as máquinas e ferramentas que se utilizan”. Un gasto que, asegurou, “é rendible socialmente falando”. Así mesmo, González criticou que dende o BNG suxerisen que o Concello de Ordes estaba facendo distincións entre as empresas á hora de pagar os traballos.

“Non se pode enganar á xente dicindo que unhas empresas cobran e outras non”, asegurou González, quen explicou que os exemplos postoso polo BNG se corresponden con certificacións de obras e que “as certificacións de obras hai que pagalas para despois acceder ás subvencións, non é igual ca unha factura corrente”.

Pola súa banda, o nacionalista Ramiro Recouso, criticou que "o Concello teña afogado económicamente aos comerciantes e pequenos e medianos empresarios de Ordes con débedas impagadas desde hai un ano, sobre todo nun momento como o actual de crise económica”.

Recouso sinalou que “ao BNG chamalle a atención que as grandes obras deste Concello, que son adxudicadas na súa maioria a empresas de fora, si sexan pagadas, é que sexan os pequenos proveedores do Concello os que teñan que esperar moito tempo para cobrar”.

"As facturas deste ano están pagadas"
Ante esta situación, Manuel Regos asegurou que “as facturas deste ano están pagadas, non temos queixas coas empresas coas que traballamos e seguiremos pagando as nosas débedas”. De feito, puntualizou, “se presentamos este punto é, precisamente, para poder aboar canto antes todas as débedas ás empresas e autónomos que traballan co Concello de Ordes e evitarlles problemas nestes tempos de crise económica”.

Sen embargo, Gonzalo Castro manifestou que “o goberno leva dous anos mentindo aos veciños anunciando que os orzamentos municipais ían crear emprego e riqueza no Concello, cando a realidade é ben distinta, xa que o desemprego creceu en Ordes no último ano un 40%, o que ten provocado que cerca de 1.000 familias do noso concello estean sufrindo en primeira persoa este gran problema social, mentras no conxunto dos demáis concellos da comarca, o desemprego medrou un 20% no último ano, a metade que no caso de Ordes”.

Esta operación foi aprobada cos 9 votos a favor do grupo de goberno, os 4 votos en contra de Nova Alternativa e tres dos membros do Partido Popular, e a abstención dos 3 concelleiros nacionalistas e un membro do PP. A aprobación desta operación conlevou a redación dun Plan de Saneamento Financeiro, que tamén foi aprobado na mesma sesión (cos 13 votos a favor do grupo de Goberno e o PP, as 3 abstencións do BNG e o voto en contra de Nova Alternativa). Un plan a seis anos que inclúe unha serie de medidas fiscais e de xestión e administración de recursos para poder amortizar esa operación de 1,03 millóns de euros.

Desglose investimentos
Os orzamentos de 2009 contemplan uns ingresos de 18.243.038 euros e uns gastos de 17.853.046 euros. A partida máis significativa son os 9.142.835 euros destinados a investimentos reais, o que supón o 51,21% dos orzamentos. Unha partida que inclúe investimentos que permitirán a construción da travesía de circunvalación de Ordes. Trátase dun vial de 4 quilómetros de lonxitude, que unirá o polígono empresarial de Merelle co futuro polígono de Poulo, no que se investirán 2,16 millóns de euros.

Tamén destacan os case 450.000 euros que o Concello de Ordes vai investir nas obras de ampliación e remodelación da casa consistorial. Nestas contas tamén destacan as partidas de tres obras incluidas no Fondo de Investimento Local. Así, un dos maiores investimentos atinxe á ampliación da Alameda ordense, orzamentada en máis de 450.000 euros. Tamén destacan os 877.000 euros para a reforma do tanatorio municipal (que pasará a contar con dúas novas salas de velorio) e dos 755.000 euros que se van investir na construción dun edificio de vestiarios e cafetería para a cidade deportiva de Vista Alegre.

De feito, o investimento en infraestruturas deportivas é un dos máis significativos destes orzamentos, alcanzando os 1,36 millóns de euros. Ademais do edificio da cidade deportiva, as Contas municipais para 2009 tamén recolle máis de 210.000 euros para a construción das pistas de atletismo en Vista Alegre, unha das infraestruturas deportivas máis demandadas polos veciños e veciñas de Ordes. Así mesmo, tamén se contemplan importantes investimentos no campo de fútbol municipal de Vista Alegre, onde se mellorará o céspede, instalarase iluminación e mellorarase o estado das gradas.

Inversións do rural
Finalmente, no capítulo de obras inclúese un investimento de máis de 2,38 millóns de euros en distintos proxectos de saneamento, arranxo de rúas e mellora de estradas en todo o municipio. Así, o Concello de Ordes contempla un investimento de máis dun millón de euros no saneamento e abastecemento de Buscás, Cabeza de Lobo ata Carballeira, Castrelos (Leira), no Curro, nas rúas Campomaior e Canteira, e noutras pequenas localidades de Ordes.

Ademais, tamén se inclúe unha partida de máis de 940.000 euros para obras de mellora nos camiños do municipio. Entre outras, os orzamentos de 2009 inclúen melloras en Castenda, Fonte da Viña (Beán), Vilagudín (Lesta), estrada xeral de Barbeiros e outras. Finalmente, tamén se inclúen máis de 400.000 euros para traballos de mellora nas rúas Nova, Laranzal, República Arxentina e nos lugares de Espenica, Ceidón e Gorita.

Gastos e ingresos
As contas de 2009 tamén recollen uns gastos en persoal de 3,2 millóns de euros, unha partida que rexistra un crecemento debido, entre outros, á decisión do Concello de Ordes de que todos os gardas e oficiais pasen ao grupo C1, igualando así as retribucións complementarias de todos eles. Unha medida que suporá, así mesmo, a creación de novas prazas para a integración dos auxiliares da policía local. Pola súa banda, a partida de gastos en bens correntes e servizos ascende a 4,7 millóns de euros.

Finalmente, no que atinxe á previsión de ingresos, contémplanse 2,3 millóns de impostos directos, 4,5 millóns de transferencias correntes e 8,2 millóns de transferencias de capital (tanto da Xunta como do Goberno Central e a Deputación Provincial da Coruña).

Casa cuartel e circunvalación
Por último, a unanimidade presidiu os outros dous puntos da orde do día. Así, o pleno municipal aprobou definitivamente o cambio de calificación da parcela que o Concello de Ordes cedeu para a construción da futura Casa Cuartel da Garda Civil. Un cambio que foi sometido a información pública durante 30 días sen que recibise alegación algunha.

Finalmente, o pleno tamén aprobou por unanimidade a realización dun convenio urbanístico cos 25 propietarios de terreos afectados pola construción da travesía de circunvalación de Ordes. Un modelo de convenio que permitirá que os veciños cedan parte dos seus terreos a cambio de manter a edificabilidade.


*