domingo, 12 de julio de 2009

Outubro será o mes no que coñeceremos o avance do Plan Xeral de Ordenación Municipal

.
Os traballos céntranse estes días na elaboración da cartografía e no traballo de campo para delimitar todos os grupos tradicionais

Na vindeira semana comenzarán os vos en avioneta

A empresa redactora do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ordes está a ultimar estes días os traballos de campo e de cartografía, polo que o vindeiro mes de outubro podería presentarlle xa un avance do PXOM ao Concello de Ordes.

A empresa redactora está traballar estes días na elaboración da cartografía e facendo o traballo de campo necesario para delimitar os distintos núcleos do municipio. De feito, na vindeira semana comezarán os vos en avioneta sobre o municipio.
Sobre o terreo, estes profesionais estanse a atopar con numerosas dificultades xa que a cartografía incluida no documento elaborado polo anterior goberno municipal non só presenta grandes carencias, senón que segundo van avanzando os traballos estanse descubrindo graves deficiencias como edificacións modernas calificadas como tradicionais e múltiples edificacións tradicionais que non están nin sequera identificadas.


O concelleiro de Urbanismo, Roberto González, explica que a importancia de realizar unha identificación correcta destas edificacións radica en que “canto mellor definamos os núcleos rurais de Ordes, máis doado será despois delimitar as posibles áreas de crecemento”.

En paralelo co polígono de Poulo
O novo PXOM será tamén unha ferramenta importante para o desenvolvemento económico e industrial de Ordes. Por iso, o concelleiro de Industria e Comercio, José Manuel Tobío, indica que a tramitación do Plan Xeral discurrirá en paralelo á modificación das normas subsidiarias solicitada polo Concello de Ordes á Xunta de Galicia para construir o polígono industrial en Poulo.

Finalmente, dende a empresa redactora do PXOM tamén apuntan que se están a atopar con problemas como os plantexados polas concentracións parcelarias que se están a executar no municipio, xa que sobre o terreo existen pistas de concentración que non están contempladas nin sequera no Catastro de Rústica (que, precisamente, atópase en proceso de renovación). A pesares de todo, o Concello agarda que todo o traballo de campo quede rematado no prazo dun mes.

A redación deste novo PXOM de Ordes está a ser posible grazas a unha aportación de 253.000 euros realizada en setembro de 2008 pola Xunta. O Concello de Ordes decidira desbotar o documento elaborado polo anterior goberno municipal xa que este plan tiña recibido ata 29 reparos da Dirección Xeral de Urbanismo, que reducían drasticamente as previsións de crecemento do municipio. Así, fronte a un documento con erros e baseado nunha planimetría de hai máis de dez anos, o equipo de Goberno encabezado por Regos apostou por redactar un novo PXOM adaptado á nova situación de sostenibilidade medioambiental e á nova lexislación urbanística autonómica.

A frase de Manuel Regos, alcalde de Ordes
"Unha vez recibido este boceto do Plan Xeral, este Goberno convocará as comisións correspondentes e a todos os membros da corporación para analizar este documento, fundamental para garantir o desenvolvemento industrial e residencial de Ordes”

A frase de Roberto González, concelleiro de Obras e Urbanismo
"O obxectivo do Concello de Ordes é definir todos os núcleos rurais de Ordes, xa que houbo épocas nas que se uniron algúns e estamos tentando recuperar a estrutura orixinal dos núcleos, xa que a premisa para a delimitación do ámbito rural é a existencia de edificacións tradicionais con topónimo diferenciado. Despois analizaremos se son susceptibles ou non de ampliación"

A frase de José Manuel Tobío, concelleiro de Industria e Comercio
"A nosa idea é seguir avanzando na tramitación do novo polígono de Poulo, para o que estamos recopilando a documentación necesaria para que a Xunta nos aprobe a modificación das normas subsidiarias pero, ó mesmo tempo, seguiremos avanzando na elaboración dun Plan Xeral adaptado ás necesidades de Ordes”


*