lunes, 6 de julio de 2009

Petición á Xunta para que a Axencia Galega de Emerxencias se manteña en Oroso


O Pleno da Mancomunidade solicita a Alfonso Rueda que non traslade a futura sede a A Estrada

A Mancomunidade estudiará unha cesión da titularidade do Centro de Ordes en Bos Aires ao seu favor

O pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes aprobou por unanimidade, na súa sesión ordinaria celebrada esta mañá en Ordes, instar á Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a que manteña o concello de Oroso como sede da futura Axencia Galega de Emerxencias. A Mancomunidade de Ordes entende que “a ubicación deste centro é importante para a comarca, estaba acordado que se instalaría en Oroso e non é de recibo que se traslade á Estrada”, explica o alcalde orosán, Manuel Mirás .

Mirás Franqueira explica que “a Mancomunidade dirixirase agora á Xunta para enviarlle unha comunicación explicándolle a importancia que este centro tería non só para Oroso senón para o conxunto da comarca de Ordes, e tratará de que reconsidere a súa postura e cumpra o que xa está comprometido”. Neste sentido, compre lembrar que o Concello de Oroso xa cedera gratuitamente a Xunta, en novembro de 2008, unha parcela de 10.598 metros cadrados ubicada no polígono empresarial San Martiño II para albergar estas dependencias e que mesmo xa está iniciada a tramitación administrativa.

Centro de Ordes en Bos Aires
Por outra banda, a Mancomunidade de Ordes recibiu hoxe a visita dunha delegación do Centro de Ordes en Bos Aires (Arxentina) encabezada por Pedro Souto Rosende, un dos membros fundadores deste centro, e Roberto Souto, tesoureiro do mesmo. Unha visita que “tiña por obxectivo pedir á Mancomunidade de Ordes que poña ao seu nome o centro de Ordes en Bos Aires, para que así todo español e galego teña unha casa onde encontrarse coas súas raíces e que ninguén o poda vender”, explicou ao pleno Roberto Souto.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, Miguel Prado Patiño, recibiu con bos ollos a proposta e asegurou que “nos parece correcta xa que hay que conservar ese centro e as súas raíces galegas, polo que non podemos permitir que se puidse perder esa propiedade”. Prado Patiño explica que “neste centro hai moita xente maior á fronte da directiva e existe o perigo de que, a medio ou longo prazo, vaian ir falecendo e os seus descendentes decidan vender o centro”. Por iso, asegura que “estamos dispostos a estudiar unha cesión da titularidade dese centro a favor da Mancomunidade de Ordes e ver como se articula legalmente”.

Souto explicou aos membros do pleno que o Centro de Ordes, que conta cun milleiro de socios, xa se trasladara no ano 2000, vendendo as súas instalacións e terreos na localidade de La Salada e trasladándose ata Lanús por unha decisión da xunta directiva. O obxectivo é que a partires de agora haxa un cambio nos estatutos e que unha decisión dese calibre non quede só nas mans da xunta directiva de turno, senón que a titularidade última das instalacións e dos terreos sexa da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes para “garantir así que calquer veciño da comarca de Ordes teña aló a súa casa”, apunta Prado Patiño.


*