miércoles, 29 de julio de 2009

Luis Gómez: "Estamos cumprindo o obxectivo de converter a Feira de Cans de Caza do Mesón na mellor de toda Galicia"

.
O Concello ten dispostas 220 xaulas para albergar a máis de 3.000 exemplares

A novidade deste ano será unha degustación gratuita de produtos de caza nos restaurantes do Mesón do Vento e no recinto feiral entre as 11 e as 14:30 horas do domingo 2 de agosto


O Concello de Ordes ultima estes días os detalles da XVII Feira de Cans de Caza do Mesón do Vento, que terá lugar este sábado 1 e domingo 2 de agosto. Unha feira na que participarán máis de 3.000 exemplares de cans de ata 30 razas diferentes e que este ano incluirá como novidade unha degustación gratuita de produtos de caza, ofrecida polos establecementos hostaleiros do Mesón do Vento (Ardemil-Ordes) e no propio recinto feiral na mañá do domingo 2 de agosto (entre as 11:00 e as 14:30 horas).

A Feira será unha das que maiores premios vai repartir de toda Galicia. O Concello de Ordes vai repartir máis de 3.000 euros en metálico e outros 4.000 euros máis en sacos de penso nas tres competicións existentes: campionato de rastro (modalidade xabarín), campionato de caza de perdiz con can e exposición de cans de caza.

Campionato de Caza de Perdiz con Can
O programa de actividades da XVII Feira de Cans de Caza abrirase na mañá do sábado 1 de agosto coa quinta edición do Campionato de Rastro, modalidade xabarín. Paralelamente terá lugar o Campionato de Caza de Perdiz con Can. Para ambas competicións, o Concello de Ordes ten preparados 600 euros en premios que se repartirán do seguinte xeito: 300 euros para o primeiro clasificado, 150 para o segundo, 75 para o terceiro, 50 para o cuarto e 25 para o quinto clasificado. Os dez primeiros levarán tamén un saco de penso e unha medalla conmemorativa.

O sorteo dos percorridos terá lugar ás 7:30 horas do sábado, no recinto feiral do Mesón do Vento, e os participantes serán puntuados tanto polo número de pezas capturadas como polo tempo empregado para facelo. As probas rematarán ás 14:30 horas, momento no que terá lugar un xantar de confraternidade.

Este domingo 2 de agosto, a partires das 8.30 h.
Para o domingo 2 de agosto queda a decimosétima edición da Feira de Cans de Caza. O recinto feiral do Mesón do Vento abrirá as súas portas a partires das 8:30 horas, se ben dende a organización lémbranlle aos cazadores que vaian expoñer aos seus cadelos que deben chegar antes das 9:30, xa que a partir desa hora prohibirase o acceso de vehículos ata o recinto feiral.

Nesta feira, repartiranse máis de 1.800 euros en premios nas distintas modalidades a concurso, no que estarán representadas ata trinta razas. Así, o mellor can da mostra levará 150 euros, o segundo clasificado 100 euros e o terceiro 75 euros, ademais da pertinente medalla para cada un. Así mesmo, tamén se outorgarán premios de 50 euros para as distincións ao mellor can de cada raza e á mellor camada de caza maior e menor (nas modalidades de coello e perdiz). Ademais, todas as gaiolas serán agalladas cun saco de penso. Uns premios que serán entregados polo alcalde de Ordes, Manuel Regos, ás 14:30 horas.

Esta XVII Feira de Cans de Caza está organizada polo Concello de Ordes, en colaboración coa Asociacións Feira de Cans-Amigos de Ardemil, Ferralla Lois, Reale Seguros e Moure Villaverde SL.

Así o contou Radio Ordes:


As frases de Luis Gómez, concelleiro de Turismo e Mercados
“Incrementamos nun 30% o número de xaulas, pasando das 170 do ano pasado ás máis de 220 que temos listas para esta fin de semana, polo que estamos seguros de que sobrepasaremos con moito as nosas previsións de reunir a máis de 3.000 cans


"Este incremento demostra que está cumprido o obxectivo que nos marcamos dende o Concello de Ordes cando asumimos a organización desta feira o pasado ano: converter á Feira de Cans de Caza do Mesón na mellor de toda Galicia




*