.
Regos: "Un día histórico para Ordes, pois xa temos a cesión dos terreos e esperamos conseguir unha infraestrutura pola que levamos esperando trinta anos”
Se instará por vía xudicial á Xunta á reversión do centro comarcal ordense ao Concello de Ordes para cederllo á Mancomunidade
Aprobada unha moción do BNG na que insta á Xunta a manter a gratuidade dos libros de texto
O pleno ordinario desta mañán en Ordes aprobou por unanimidade a cesión dunha parcela de 1.350 metros cadrados, ubicada no barrio do Paraíso e incluida na área de actuación número 13, á Dirección Xeral da Garda Civil para que constrúa nela unha casa cuartel con capacidade ata para 30 axentes.
Unha decisión que fixo que o alcalde de Ordes, Manuel Regos, cualificase o de hoxe como “un día histórico para Ordes, pois xa temos a cesión dos terreos e esperamos conseguir unha infraestrutura pola que levamos esperando trinta anos”. O nacionalista, Ramiro Recouso, manifestou “o excepticismo do BNG coa posibilidade de que se construa finalmente este cuartel, xa que nos últimos 3 anos os anunciados investimentos do Ministerio para o Cuartel non se produciron, e non hai razóns para pensar que a situación vaia a variar agora que o Goberno Municipal xa lle ten aforrado a inversión ao Ministerio do Interior, pagando co diñeiro de todos os veciños un novo baixo para a Garda Civil”.
O Concello agarda que esta cesión sexa publicada de inmediato nos boletíns oficiais correspondentes xa que “hai o compromiso da Dirección Xeral da Garda Civil de que este ano vai ir unha partida consignada nos Orzamentos do Estado para esta obra e que no 2010 se fará a obra”, lembra Regos Boquete.
Diante das reticencias do BNG sobre a cesión dun local municipal como sede provisional para a Garda Civil, o concelleiro de Urbanismo, Roberto González, lembrou que “existe un convenio de cesión do baixo por dous anos. Tamén se contempla a posiblidade de que piden estar máis anos, pero iso ten que decidilo o Concello de Ordes”. Así mesmo, ante as preguntas de Teodosio Martino sobre posibles dificultades diante da futura concesión das licencias de obras para a casa cuartel, Roberto González asegurou que este tema “analizarase cando toque, hoxe o que estamos facendo é a cesión definitiva da parcela”.
Unidade psicosocial
Tamén o pleno mantivo tamén a unanimidade á hora de aprobar o regulamento da unidade psicosocial de Ordes. A concelleira de Servizos Sociais, Ana Álvarez, explicou que o obxectivo deste regulamento é “mellorar a asistencia integral dos usuarios deste servizo”. A novidade é a limitación do número de sesións a un máximo de dez, se ben “non é algo riguroso porque se a persoa necesita máis derivarase ao servizo público ou atenderase na unidade psicosocial municipal”, explicou Álvarez.
A concelleira fixo fincapé que esta limitación está motivada porque “temos que axilizar a lista de espera sen mermar a calidade da atención que prestamos e o servizo”. Así mesmo, Ana Álvarez admitiu a peticíon do PP de que esa posibilidade de ampliar o número de sesión quedase reflectida por escrito.
Ordes reclamará por vía xudicial á Xunta de Galicia
Así mesmo, o pleno municipal aprobou tamén presentar un recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para instar á Xunta á reversión ao Concello do centro comarcal de As Casillas. O voceiro municipal, Manuel Astray, explicou que esta solicitude foi feita o pasado mes de febreiro pero que, aínda que o prazo inicial para a contestación era dun mes, debido ao cambio de goberno na Xunta o Concello decidiu darlle un prazo maior de resposta ao novo Goberno autonómico.
Gonzalo Castro mantivo que “o BNG defende que o edificio do Centro Comarcal sirva aos fins para os que foi concebido, mais o que debe facer o goberno municipal é utilizar a vía do diálogo e a cooperación institucional con outras administracións para conseguir que ese edificio sexa útil para a nosa comarca, sen que o Concello ou a Mancomunidade teñan que asumir costo algún polo seu mantemento e utilización”.
Diante do silencio administrativo da Xunta, o pleno acordou, cos 9 votos a favor do Goberno e a abstención de BNG e PP, instar á reversión ao Concello de Ordes do centro comarcal de As Casillas. Astray lembrou que “o Concello de Ordes cedeu os terreos onde actualmente se atopa o centro comarcal de As Casillas para que se destinase á construción dun centro de exposición e promoción dos recursos da comarca de Ordes, pero nunca se fixo tal” polo que, ao non cumprirse este requisito recollido no convenio de colaboración e amparados no artigo 111 do RD 1372/1986, de 13 de xuño, o Concello de Ordes solicita a reversión dos terreos, e da edificación que se asenta sobre eles, á titularidade municipal.
Ante as preguntas do BNG sobre o custe do mantemento desta instalación para as arcas municipais, Manuel Astray lembrou que este edificio “non é para o Concello de Ordes, senón que llo cederemos á Mancomunidade, que actualmente utiliza medios e instalacións municipais sufragados polo Concello de Ordes” e explicou que “do mantemento farase cargo a Mancomunidade de Municipios de Ordes”. Así mesmo, Astray Mariño criticou o cambio do sentido do voto do PP, que votara a favor en febreiro deste mesmo ano e que nesta ocasión se abstivo.
Astray reunirase co conselleiro Alfonso Rueda
Ademais, en calidade de vicepresidente da Mancomunidade de Ordes, Astray Mariño anunciou no pleno que o vindeiro 5 de agosto acudirá a unha reunión canda o presidente da Mancomunidade, Miguel Prado, co conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda. “El é a persoa que pode decidir neste tema e esperamos que dé cumprimento a este acordo plenario e non sexa necesaria a vía xudicial”, apunta Manuel Astray.
A favor da gratuidade dos libros de texto
Finalmente, o pleno tamén aprobou, cos votos a favor do grupo de Goberno e BNG, a moción presentada polos nacionalistas na que insta á Xunta a manter a gratuidade dos libros de texto.
Gonzalo Castro, defendeu a presentación desta moción argumentando que, “para o curso 2009-2010, a actual Consellería de Educación pretende desmantelar o programa de gratuidade de libros de texto nos centros de ensino sostidos con fondos públicos para os niveis obrigatorios e gratuítos”, o que pon de manifesto, a xuizo de Castro “a obsesión do actual goberno do PP na Xunta por desmantelar os logros conseguidos en etapas anteriores, como é o programa de gratuidade dos libros de texto impulsado polo goberno anterior con presenza do BNG”.
Castro sinalou que “se como di a Constitución española o ensino básico é obrigatorio e gratuíto, os manuais de texto que o alumnado necesita para seguir o curso tamén deberían selo, mais ainda nunha situación de crise económica como a actual, onde moitas familias están a pasalo mal”.
Neste sentido, a concelleira de Educación, Silvia Marín, explicou que o grupo de Goberno decidiu apoiar esta moción do BNG fronte á presentada polo PP porque “nun momento de crise económica como o que vivimos é importante que as familias teñan a posibilidade de adquirir os libros de balde”.
Nembargantes, Marín tamén apuntou que “sería importante que se lles facilitase ás familias a posibilidade de conseguir os libros de texto en propiedade”, como propoñía o PP, “xa que dende un punto de vista pedagóxico sería importante que os nenos puidesen suliñar e traballar cos libros”. A moción do PP foi rexeitada polos 12 votos do grupo de Goberno e BNG, fronte aos 4 votos a favor dos populares.
Paseo fluvial do río Mercurín e información publicada en Ordessiete
Por último, o BNG presentou un rogo no que solicitaba información ao Goberno Municipal acerca da denuncia presentada pola organización ecoloxista Adega polo deterioro da ribeira e as brañas do río mercurín nas obras do paseo fluvial e por non contar cos permisos necesarios para unha actuación en zona de Rede Natura.
Recouso, criticou que “o goberno atacase no blog de Renato Landeira [facendo mención a este medio] a unha organización do prestixio de Adega, poñendo en dúbida a súa independencia e rigor na defensa da natureza”.
Gonzalo Castro, tivo que mediar no acalorado debate que mantiveron neste punto Ramiro Recouso e o concelleiro de medio ambiente, Xesús Pedreira, manifestando o portavoz nacionalista que “o que toca é poñerse a traballar para evitar que a denuncia provoque a paralización da construcción do paseo fluvial, que é unha obra moi necesaria e demandada polos veciños de Ordes, neste cometido contan coa colaboración do BNG para conseguir que os veciños poidan desfrutar desta infraestructura canto antes”.
no turno de rogos preguntas, o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, explicou o estado das obras do paseo fluvial do río Mercurín. Pedreira explicou que “non ningunha denuncia que poida paralizar estas obras, que xa superaron un estudo de impacto ambiental e un periodo de exposición pública sen ningún tipo de alegación”. Pedreira Mirás explicou que as obras se están a facer dacordo cos consellos dos técnicos e que “o cauce non se tocou para nada”.
*