martes, 28 de julio de 2009

Última hora: Comunicado de Adega en referencia ás declaracións de Xesús Pedreira

.
Comunicado da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).
28 de xullo de 2009. 23.20 h.

En resposta ás declaracións feitas polo concelleiro de medio ambiente, Xesús Pedreira, a asociación Adega, e en concreto a delegación de Ordes-Cerceda manifesta que foi Adega a través da súa delegación nacional quen emitiu o comunicado da denuncia presentada por Adega polas agresións medioambientais cometidas nas obras do paseo fluvial no rio Mercurín , se ben a delegación de Ordes-Cerceda o subscribe na súa totalidade.

Se ben é certo que o Concello colabora coa asociación en diversos programas que se desenvolven en Ordes, isto non quere dicir que cando se produzan agresións ao medioambiente non se vaia a facer nada por parte de Adega para denuncialas, a menos que con isto debamos entender que o que quere o Goberno Municipal é comprar o silencio dos ecoloxistas para actuar con total impunidade.

Queremos lembrarlle ao Goberno Municipal de Ordes que Adega é unha organización absolutamente independente e adicada, en exclusiva, á defensa ecolóxica de Galiza e que loitou, loita e loitará contra as agresións ao medioambiente, veñan de onde veñan, sen que as súas actuacións obedezan a intereses políticos, e moito menos partidarios, por iso é totalmente falso que se esté intentando “torpedear o que se fai dende o departamento de medio ambiente” como afirma Xesús Pedreira, de feito consideramos que o paseo fluvial constitue unha precisa zona de esparcimento para os e as veciños e veciñas de Ordes, aínda que o fin último non xustifica os medios agresivos que se levaron a cabo nas obras, sobretodo cando se trata dunha zona xa de por sí moi degradada.


*