Segundo informaron os nacionalistas ordenses, os últimos datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística poñen de manifesto que o desemprego incrementouse no municipio nun 43%
O BNG de Ordes fixo hoxe públicos os datos da evolución do desemprego en Ordes no último ano. "As últimas cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística", aseguran dende a formación, "poñen de manifesto que o desemprego incrementouse no municipio de Ordes nun 43%, pasando de 661 persoas desempregadas en xuño de 2008, a 943 en xuño de 2009".
Segundo Gonzalo Castro, o Concello de Ordes está sufrindo un incremento do paro moi superior ao sufrido no conxunto da mancomunidade, que pasou no último ano de 1.799 parados a 2.312, o que supón un 28% de incremento do desemprego moi inferior ao 43% do incremento rexistrado en Ordes.
"Un dato moi preocupante", a xuizo dos nacionalistas, xa que "a subida experimentada no último ano no conxunto dos outros seis concellos da comarca foi do 20%, fronte ao 43% de incremento experimentado en Ordes".
As frases de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG
“Para o BNG é moi preocupante que perto de 1.000 familias do noso concello estean sufrindo en primeira persoa o problema do desemprego e da falta de oportunidades”
"O BNG propuxo incluir nos orzamentos municipais inversións que poidesen crear emprego no noso Concello, como un viveiro de empresas ou un plan de reforma e dinamización da praza de abastos, mais o goberno municipal rexeitou incluilas”
"Emplazamos ao goberno municipal a rectificar unha política que está levando a Ordes a ter as cifras máis altas de desemprego da nosa comarca”
“É moi grave que o goberno acabe de aprobar uns orzamentos anunciando que só un 11% das inversións van ir destinadas á creación de emprego directo, cando o desemprego aumentou en Ordes un 43% no último ano”
*