Na programación destacan o Festival Brincadeira, o musical “Robin Hood”, o espectáculo Tango e Fado, a actuación de Budiño e a gala musical con Manolo Escobar, Manu Tenorio e La Década Prodigiosa
O Concello de Ordes inicia esta semana un amplo programa de festas e actividades de verán que permitirán ofrecer un mes ininterrumpido de actividades aos veciños e veciñas de Ordes. Unhas actividades que comezarán este sábado 18 de xullo, coa representación teatral 'El Florido Pensil', e rematarán o sábado 22 de agosto cun gran concerto de Budiño na Alameda.
Do programa de festas deste ano destacan especialmente o programa das Festas Patronais, o Festival Brincadeira e diversos espectáculos puntuais e de recoñecido prestixio coma o musical “Robin Hood” (mércores 29 de xullo, ás 21:30 horas na Casa da Cultura), a actuación de Tango and Fado (martes 11 de agosto, ás 22:30 horas na alameda) ou o espectáculo humorístico de As Cantareiras de Ardebullo (mércores 12 de agosto, ás 21:30 horas na alameda).
Festas Patronais e Brincadeira
As Festas Patronais de Ordes terán lugar, como é costume, entre o 14 e o 17 de agosto. A Alameda de Ordes acollerá tres grandes verbenas coas mellores orquestras de Galicia: Fania e Panorama (14 de agosto), Bámbola e Olympus (15 de agosto) e Galilea e París de Noia (16 de agosto).
O día grande das Festas Patronais será o luns 17 de agosto. Esa noite, a Alameda de Ordes acollerá unha gran gala musicial coa participación de Manolo Escobar, Manu Tenorio e La Década Prodigiosa, que estarán acompañados pola orquestra Suavecito e o grupo pop Lavorda.
A outra gran cita musical do verán en Ordes chegará os días 7 e 8 de agosto da man do Festival Brincadeira. Durante estes dous días, o campo da feira de Ordes acollerá actuacións musicais e tamén diferentes actividades de balde relacionadas co mundo das artes coma un certame de arte urbano, unha mostra de novas tendencias (street art, deseño, graffiti…) e un concurso de fotografía.
No que atinxe á parte musical, o venres 7 de agosto actuarán os grupos La Pulquería, Che Sudaka, os locais Dios ke te crew e Las Furias. Para o sábado 8 de agosto, a organización ten programado unha “superfesta hortera”, á que invitan a acudir disfrazados. A gran actuación musical correrá a cargo de Boney M, que estará acompañado por Rumba Tarumba, Chico Trujillo, Kastomä e Virüs.
Outras citas
Este intenso programa de actividades comezará esta mesma fin de semana. O sábado 18 de xullo, ás 21:30 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a representación teatral “El Florido Pensil”. Para o domingo, ás 20:00 horas, está programada unha sesión de títeres na alameda de Ordes titulada “A detective da Torre de Hércules viaxa polo tempo”.
A vindeira semana, concretamente o xoves 23 de xullo, terá lugar un espectáculo de baile moderno e hip-hop. “Move-T” poderá contemplarse na alameda de Ordes a partires das 21:30 horas. E o domingo 26 de xullo terá lugar a tradicional Xuntanza de Corais na Igrexa de Santa María de Ordes, a partires das 21:00 horas.
E é que a música tradicional tamén terá un lugar preferente nestas festas. Así, o sábado 1 de agosto terá lugar un novo Concerto de Banda, mentras que para o domingo 9 de agosto está programado o Día da Muiñeira, con numerosas actuacións de distintos grupos na alameda ordense. Ademais, o xoves 13 de agosto terá lugar unha Noite Folk coa actuación dos grupos Acibeche, Balakandra e Axóuxere.
O gran gaiteiro Xosé Manuel Budiño será o encargado de pechar este mes de festexos en Ordes cunha gran actuación na alameda ordense o sábado 22 de agosto, ás 22:00 horas. Un gran concerto que será posible grazas á colaboración entre o Concello de Ordes e Caixanova.
*