sábado, 25 de octubre de 2008

Medio Ambiente inyecta 200.000 euros en Lavandeira de Arriba y A Senra


Nota de prensa Concello.

O CONCELLO DE ORDES CONSEGUE 200.000 EUROS PARA O SANEAMENTO E ABASTECEMENTO DE LAVANDEIRA DE ARRIBA E A SENRA

O convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente garantirá estes servizos a 150 veciños destes dous núcleos de poboación

O Concello de Ordes e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible veñen de asinar un convenio de colaboración para a mellora das infraestruturas de abastecemento e saneamento nos núcleos de Lavandeira de Arriba e A Senra. Unhas obras nas que a Consellería de Medio Ambiente vai investir preto de 200.000 euros e que beneficiarán directamente a 150 veciños destes dous núcleos de poboación.

Os veciños non tiñan recollida de augas fecais
Uns veciños que ata o de agora carecían dunha rede municipal de abastecemento e saneamento para a recollida de augas fecais. Unhas augas fecais que eran conducidas a fosas sépticas individuais ou colectivas, mentras que o abastecemento se realiza a través de pozos e depósitos privados nos que non existen unhas pautas de uso e mantemento.
“Unha situación que fixo que dende o Concello de Ordes decidiramos dotar aos veciños de Lavandeira de Arriba e de A Senra dunhas infraestruturas que garantan a evacuación axeitada das augas fecais e o abastecemento de auga potable nas súas casas”, explica o alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete.

Descrición das obras
As obras de abastecemento e saneamento acometeranse en dúas fases e suporán a construción de 3,3 quilómetros de tuberías. Así, na primeira fase construirase un colector de saneamento de 823 metros dende o núcleo de A Senra ata Lavandeira de Arriba, onde se construirá un pozo de bombeo que permitirá evacuar as augas fecais sen que as conducións colectivas interfiran nas propiedades privadas e que evitará que estas augas residuais poidan estancarse. Así mesmo, situaranse pozos de rexistro cunha separción máxima de 50 metros. Deste xeito, crearase unha infraestrutura común de saneamento de augas fecais para Lavandeira de Arriba e A Senra de xeito que os usuarios poidan despois realizar as conexións individuais mediante acometidas á rede municipal de saneamento.
Por outra banda, a primeira fase do proxecto de abastecemento destes dous núcleos de poboación inclúe a construción dunha rede ramificada abastecemento de auga potable que estará conectada á rede xeral do Concello de Ordes. Unha rede cunha lonxitude de 879 metros.

Unión A Senra-A Calle
A segunda fase destas obras discurrirá entre o núcleo de A Senra ata o entronque coa rede de saneamento existente no núcleo de A Calle. Unha actuación que suporá a instalación de 782 metros de tuberías e un colector de saneamento, así como pozos de rexistro cada 50 metros e nos cambios de dirección da rede.

Finalmente, nesta segunda fase tamén se proxecta unha rede ramificada de auga potable que irá conectada a rede de abastecemento que se construirá na primeira fase destas obras. Unha actuación de 838 metros de tubería ata o núcleo de A Calle.

*