Nota de prensa Concello de Ordes. 13 h.
O Concello de Ordes organiza unha charla informativa sobre o cancro de mama, que terá lugar o vindeiro luns 20 de outubro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Unha charla que será impartida por un técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública e por unha psicóloga da Asociación contra o Cancro da Coruña co gallo da celebración do Día Internacional contra o Cancro de Mama (que se conmemora o domingo 19 de outubro). A asistencia é totalmente gratuita.
"A prevención, a mellor arma"
Esta charla está organizada pola Concellería de Sanidade de Ordes en colaboración co Servizo Galego de Saúde e coa Xunta Local de Ordes da Asociación contra o Cancro da Coruña. O concelleiro de Sanidade, Xesús Pedreira, destaca a importancia de realizar este tipo de actividades divulgativas, xa que “a prevención é a mellor arma para loitar contra este tipo de cancro, e dende este Concello traballamos para poder ofrecerlles aos nosos veciños información de primeira man e consellos para que aprendan a coidarse”.
A importancia das mamografías
Así, durante a charla falarase da importancia das mamografías, xa que son a mellor arma para detectar este tipo de cancro, e buscarase sensibilizar aos veciños e veciñas de Ordes en relación aos factores que poden incrementa-lo risco de padecer un cancro destas características, como o consumo de tabaco ou alcohol, a exposición a substancias dañinas, manter unha dieta desequilibrada ou ter antecedentes familiares relacionados con esta enfermidade. Polo contrario, os ponentes insistirán na necesidade de fomentar estilos de vida saudables, xa que poden evitar algúns tipos de cancro.
Foron máis de 200 na última convocatoria
Unha vez finalizada a charla, terá lugar un debate cos asistentes nos que os veciños poderán plantexar todas as súas dúbidas. Ésta é a segunda charla sobre o cancro de mama que organiza a Concellería de Sanidade ordense. A anterior convocatoria, celebrada a mediados de novembro de 2007, reuníu a máis de 200 veciños e veciñas de Ordes, converténdose na charla con máis participación das rexistradas ata o momento. De feito, o auditorio da Casa da Cultura quedara pequeno ante tal afluencia de público e mesmo houbo que habilitar máis asentos dos disponibles, posto que todas as butacas do auditorio estaban ocupadas.