viernes, 10 de octubre de 2008

La delegada de Medio Rural informa a los vecinos de Montaos sobre las parcelas afectadas por el camino inglés


O BNG lamenta que o Goberno Municipal denunciase aos veciños por infraccións inexistentes

Nota de prensa BNG Ordes. 18.55 h.

A Delegada Provincial da Consellería do Medio Rural, Olga García Agra (en la foto -archivo-con Suárez Canal), interviu nun acto informativo organizado polo BNG de Ordes, no que se informou da situación na que se atopan as fincas afectadas polo camiño inglés na citada parroquia, tendo en conta que a Consellería do Medio Rural, dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, xa ten acordado a toma de posesión provisional das fincas desta concentración parcelaria.

Na citada reunión informativa, Olga García informou aos veciños de que a zona de afección do camiño inglés nas parcelas é de 3 metros, e non de 30 metros, que foi a información que de xeito erróneo trasladou o goberno municipal de Ordes aos veciños, xa que esta franxa de protección de 30 metros só afecta ao camiño francés, como ben de interese cultural, mais non ao inglés.

Arquivo de denuncias
Así mesmo, a Delegada Provincial informou de que as denuncias presentadas polo Concello de Ordes contra veciños de Montaos, por entender que existía unha franxa de protección do camiño de 30 metros, serán arquivadas pola Xunta de Galicia ao non existir infracción.

Por outra banda, Olga García confirmou que os veciños que non puideron recolleron madeira debido ás informacións erróneas facilitadas polo Concello, poderán dispoñer dunha ampliación do prazo para a recollida da mesma, que lles será notificada por parte da Consellería do Medio Rural.

Oposición do Concello ao traballo do BNG na Xunta
O portavoz municipal do BNG, Gonzalo Castro, agradeceu a boa disposición da Consellería do Medio Rural para informar aos veciños da situación real das súas parcelas e lamentou que o “goberno municipal en lugar de agradecer á Consellería do Medio Rural o gran traballo que está a facer en Ordes, e que ten permitido a entrega de catro concentracións parcelarias en dous anos, se dedique a denunciar aos veciños de Ordes por infraccións inexistentes, intentando crear malestar e facer oposición ao traballo do BNG na Xunta de Galicia ”

Castro finalizou lembrando que o BNG seguirá a traballar para que “todas as concentracións parcelarias de Ordes estean finalizadas o antes posible”.


*