domingo, 21 de noviembre de 2010

O PP de Ordes denuncia a "cifra absolutamente insignificante" do Ministerio de Fomento para a variante de Ordes

O PP de Ordes preguntará no pleno polas xestións de Manuel Regos para lograr que Fomento execute a circunvalación da N-550

O xestora do Partido Popular de Ordes amosou onte o seu parecer respecto dos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2011, nos que, denuncian, "condenan a Ordes, un ano máis, a seguir sen variante, dado que non consignan euro algún para iniciar as obras da Variante da N-550, malia que leva desde o no 2005 en fase de estudo e proxecto".

A Variante de Ordes, aseguran os populares, "continuará unicamente sobre o papel, pero sen concreción algunha sobre o terreo, a pesar de que en xullo de 2009 o Ministerio de Fomento someteu a información pública o estudo informativo da mesma".

O Estado consigna só o 0,1% do presuposto necesario para a obra
Esa mesma información oficial do Ministerio de Fomento cifraba en 77,8 millóns de euros o orzamento base de licitación da alternativa seleccionada, pero nos orzamentos de 2011 só destina 134.000 euros para o proxecto, cifra absolutamente insignificante, malia o optimismo do PSOE local. É dicir, os Orzamentos do Estado de 2011 asignan tan só o 0,172% do presuposto total necesario para executar a obra.

Dada a demora que está a acumular este proxecto, o Partido Popular agarda que, "polo menos, Fomento teña en conta as alegacións formuladas polos veciños de Pereira e Poulo, que entendían que a alternativa elixida partía pola metade a parroquia e ía xerar serios problemas de comunicación terrestre e tamén de relación social".

O Grupo Municipal do PP de Ordes aproveitará o próximo pleno municipal para preguntar ao alcalde Manuel Regos qué xestións está a desenvolver ante o Goberno central para conseguir que o Ministerio de Fomento execute a circunvalación da estrada N-550 ao seu paso pola localidade.

A preocupación do PP xorde logo de constatar o retraso de varios anos que acumula esta obra, malia as reiteradas promesas de execución efectuadas, tanto desde o PSOE como polo propio alcalde ordense cando pedía o voto para os socialistas, tanto nas eleccións xerais, como nas autonómicas.

Financiamento da Xunta de Galicia
Os populares de Ordes contrapoñen a desidia do alcalde e os seus socios do PSOE co interese que a actual Xunta de Galicia, gobernada polo PPdeG, está a demostrar por Ordes e que se materializa no financiamento das dúas fases da rolda leste da vila, ás que destina unha achega de arredor de 2,2 millóns de euros: 868.000 euros para o primeiro tramo, inaugurado en agosto pasado, e a segunda fase, actualmente en execución cun investimento de 1,3 millóns de euros procedentes dos orzamentos autonómicos.

*