Os nacionalistas denuncian o abandono de populares (Xunta de Galicia) e socialistas (Goberno de España) dos compromisos de invstimento no concello de Ordes
O concelleiro do BNG de Ordes, Ramiro Recouso anunciou que o BNG presentará unha moción para o seu debate polo próximo pleno, na que proporán que corporación inste “aos gobernos da Xunta e do Estado para que cumplan cos investimentos pendentes no concello de Ordes”. O nacionalista sinalou que “o concello de Ordes non existe para o Goberno do PP na Xunta, ao quedar excluído dos Orzamentos da Xunta de Galiza para o 2011”.
Ramiro Recouso lembrou que “o BNG ten presentado no parlamento galego varias emendas aos Orzamentos da Xunta para cubrir as principais necesidades do noso concello, como son a construcción dun Centro de Día, o impulso das parcelarias ou a ampliación da Rolda Leste, e solicitaremos o apoio unánime do Pleno da Corporación Municipal a estas emendas”.
Por outra banda, no tocante ao Goberno Central, o concelleiro nacionalista manifestou que “resulta absolutamente inaceptábel o ridículo investimento destinado nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2011 por parte do Goberno Central do PSOE a unha infraestructura tan importante como a circunvalación de Ordes”.
A variante de Ordes precisa de 77,8 millóns de euros
Ramiro Recouso lembrou que “a variante da N-550 en Ordes é un proxecto de 77,8 millóns de euros, e co ritmo inversor que ten previsto o Ministerio de Fomento para a circunvalación de Ordes durante o ano 2011, isto é 134.000 euros, tardaríamos en vela rematada 580 anos e 6 meses”, exclamou o concelleiro do BNG.
O concelleiro nacionalista afirmou que “o Goberno do PSOE en Madrid ten paralisado a execución da variante, xa que o Ministerio de Fomento só ten previsto investir durante o 2011 un 0,17% do total do custo desta infraestructura”.
Diante destes datos Recouso ironizou manifestando que “con este ritmo inversor terémos a variante rematada en maio do ano 2.591, haberá automóbiles para aquela?”
Ramiro Recouso lembrou que “o BNG presentou no Congreso dos Deputados e no Senado emendas para ampliar o investimento na variante de Ordes nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2011, mais o PSOE rechazou estas propostas do BNG”.
Lectura triunfalista do PSOE
O concelleiro nacionalista salientou, con respecto á lectura triunfalista dos Orzamentos por parte do PSOE de Ordes que “o PP ten esquecido a Ordes nos Orzamentos da Xunta para o 2011, pero que os responsábeis do PSOE de Ordes intenten contrastar este inaceptábel comportamento do PP, co ridículo investimento na circunvalación de Ordes, parece un insulto á intelixencia dos nosos veciños.”
Recouso finalizou afirmando que “por desgraza, tanto o goberno do PP na Xunta, como o goberno do PSOE en Madrid están esquecéndose de Ordes nos Orzamentos para o 2011, por esta razón, desde o BNG agardamos que o Pleno da Corporación Municipal apoie unánimente esta moción, na que propoñemos esixir a ambos gobernos que cumpran os seus compromisos cos veciños e veciñas de Ordes”.
*