O pleno acorda dirixirse á Secretaría Xeral de Emigración para solicitar un incremento da aportación autonómica ao programa de integración de inmigrantes e emigrantes retornados
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes vén de recibir unha subvención de 278.000 euros da Consellería de Traballo e Benestar para o cofinanciamento da prestación dos servizos sociais aos sete concellos da comarca (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo). Uns servizos nos que a Mancomunidade de Ordes oferta unha novidade: un programa de intervención con discapacitados, que recibe unha axuda de 9.000 euros.
Estes 278.000 euros posibilitarán o cofinanciamento dos servizos sociais que reciben os municipios da Mancomunidade ordense. Servizos como:
- Programa de Educación en igualdade para fomentar a igualdade de xénero; o de Educación Familiar, educación viaria para nenos, recollida de xoguetes, programa de educación para o axeitado desenvolvemento familiar.
- Programa de Emprego, elaboración de censos empresariais e asesoramento/orientación sobre a busca de traballo)
- Programa de Prevención e Consumo de Drogas, que inclúe a prestación dos servizos de información, orientación e asesoramento nesta problemática.
- Programa de asesoramento xurídico, dirixido especialmente a inmigrantes e inmigrantes retornados.
- Programa de Educación Temperá (que inclúe actuacións para mellorar o desenvolvemento cognitivo, afectivo e de linguaxe de nenos de 0 a 6 anos e rapaces con discapacidade)
- Programa de Apoio á Persoa, que inclúe asistencia e asesoramento a persoas maiores de 60 anos con demanda psicolóxica.
- Programa de Axuda a Domicilio, que beneficia directamente a uns setenta veciños e veciñas de Frades, Oroso e Ordes.
Integración de inmigrantes
Así mesmo, o pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes recibiu tamén confirmación da concesión dunha axuda de 2.666 euros da Secretaría Xeral de Emigración para o programa de integración de inmigrantes e emigrantes retornados, que leva funcionando con éxito na comarca ordense os últimos tres anos. Unha axuda moi alonxada dos 15.000 euros recibidos nas anualidades anteriores, polo que os alcaldes da comarca de Ordes acordaron unanimemente solicitarlle á Secretaría Xeral de Emigración unha revisión do expediente ou a sinatura dun convenio de colaboración para poder manter este importante servizo nunha comarca que conta cun censo de máis de 1.150 estranxeiros de case medio cento de nacionalidades distintas.
A esta sesión ordinaria do pleno da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes asistiron asistiron cinco alcaldes da comarca de Ordes: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso) e Xosé Dafonte Varela (Trazo); así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes, Manuel Astray Mariño. O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, excusou a última hora a súa presenza por motivos de traballo.
Foto: Momento do pleno da Mancomunidade de Ordes de hoxe.
*