sábado, 27 de noviembre de 2010

O BNG non está satisfeito co novo sistema de identificación de gando bovino ideado pola Xunta

Presentarán unha moción para que o Concello de Ordes demande ao goberno autonómico o mantemento do actual servizo con presenza de persoal veterinario
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro anunciou hoxe a presentación dunha moción, que será debatida no próximo pleno da corporación municipal, na que se propón demandar da Xunta de Galicia o mantemento do sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras coas garantías e nas condicións nas que se ven desenvolvendo este servizo público.

Castro informou na presentación desta iniciativa de que “a Consellaría do Medio Rural anunciou unha serie de cambios no que respecta ao sistema de identificación e rexistro do gando bovino, que nestes momentos estábase facendo a través de persoal veterinario identificador ”.

Imprescindible a presenza de persoal veterinario
Para o portavoz municipal do BNG “a presenza de persoal veterinario nas explotacións facilítalles moito o labor aos gandeiros e ás gandeiras, pois colaboran para anotar correctamente no libro de explotacións e favorecen un control e seguimento moito máis rigoroso e axeitado. Estas cuestións son de suma importancia, dado que moitas das axudas europeas están directamente vinculadas á correcta identificación dos produtos”.

Castro salientou que, “segundo os anuncios de responsábeis da Xunta de Galiza, os cambios implicarían o despedimento do persoal veterinario encargado deste labor e suporían a supresión da visita do mesmo ás explotacións quedando a identificación, rexistro e anotacións dos animais no libro de explotación”.

O portavoz nacionalista manifestou que “con este método a identificación do gando quedaría únicamente a cargo dos gandeiros e das gandeiras, que deberían pasar a recoller as chapas na Oficina Agraria Comarcal e, por tanto, limitando o asesoramento e o seguimento directo por parte da administración en todo este proceso”.

Sen acceso a internet no rural
Para Gonzalo Castro “con estes cambios, a maioría das xestións administrativas terían que facelas os gandeiros e as gandeiras a través dunha Oficina Agraria Virtual da Xunta, vía internet ou no seu caso telefonicamente. Esta medida pode supor problemas para moitos gandeiros e gandeiras, pois a maioría das explotacións non poden dispoñer de acceso a internet, situación que lles obrigaría a trasladarse á Oficina Comarcal para uns trámites ou chamar a un teléfono da Xunta para outros, aumentando deste xeito, o custe e o tempo de atención á explotación, e en boa medida, os propios custos da tramitación”.

O portavoz do BNG fixo fincapé en que “o sistema actual está recoñecido por todos os axentes do sector como unha das mellores garantías da sanidade animal e en consecuencia de seguridade da cadea alimentaria humana, e a súa supresión pola Xunta vai no camiño de debilitar o sistema de seguimento e control público da sanidade animal”.

A frase de Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes 
“Tendo en conta a importancia do sector gandeiro na comarca de Ordes, desde o BNG agardamos que todos os grupos políticos de Ordes apoien esta iniciativa para esixir ao Goberno da Xunta o mantemento do actual sistema de identificación, rexistro e control do gando

*