sábado, 20 de noviembre de 2010

Castro a Regos: "Dime do que presumes e direiche do que careces"

O portavoz do BNG de Ordes, Gonzalo Castro.
O BNG alerta de que en dous anos o paro subiu en Ordes un 62%, máis do dobre que no resto da comarca


Critican que o alcalde viva "nun mundo irreal" e se adique a facer "lecturas triunfalistas" da realidade socioeconómica do concello

O BNG de Ordes fixo onte públicos os datos da evolución do desemprego en Ordes durante os últimos dous anos, datos que o seu portavoz, Gonzalo Castro, calificou de “moi preocupantes”.

Segundo informaron os nacionalistas ordenses, os últimos datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística poñen de manifesto que o desemprego incrementouse no municipio de Ordes nun 62% nos últimos dous anos, pasando de 662 persoas desempregadas en outubro de 2008, a 1.070 en outubro de 2010.

Segundo os datos facilitados polos nacionalistas, o Concello de Ordes está sufrindo un incremento do paro moi superior ao sufrido no conxunto dos demáis concellos que forman parte da comarca de Ordes, isto é: Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo, que pasaron, no seu conxunto, nos últimos dous anos de 1.114 parados a 1.428, o que supón un aumento do desemprego do 28%.

Aumento do desemprego en Ordes
A xuizo de Gonzalo Castro, “estes datos son moi preocupantes, xa que poñen de manifesto que a tendencia de aumento do desemprego no concello de Ordes é máis de dúas veces superior á dos concellos do seu entorno, como o demostra o feito de que mentres a porcentaxe de incremento do paro experimentada nos últimos dous anos no conxunto dos outros seis concellos da comarca foi do 28%, no caso de Ordes chegou ao 62%.”

Así mesmo, o portavoz nacionalista lamentou que “a maíoría dos parados rexistrados na comarca nos últimos anos sexan do concello de Ordes”, e lembrou que o BNG “propuxo incluir nos orzamentos municipais inversións que poidesen crear emprego no noso Concello, como un viveiro de empresas ou un plan de reforma e dinamización da praza de abastos, mais o alcalde rexeitou incluilas”.

Que facer para crear emprego?
Gonzalo Castro anunciou que “o BNG vai seguir propoñendo medidas para crear emprego no noso Concello” e emplazou ao alcalde de Ordes a “rectificar unha política que está levando a Ordes a ter as cifras máis altas de desemprego da nosa comarca”, a este respecto, o portavoz nacionalista manifestou que “é moi grave que o alcalde en lugar de poñerse a traballar para paliar o grave problema de desemprego que existe en Ordes, se adique a vivir nun mundo irreal e a facer lecturas triunfalistas da realidade socioeconómica do noso concello”.

Finalmente, o portavoz do BNG ordense botou man do refraneiro popular para calificar as lecturas do alcalde sobre a situación socioeconómica de Ordes salientando que “á actitude do alcalde resultalle de aplicación aquel refrán que dicía: dime do que presumes e direiche do que careces”.

*