Mañá celebraranse as charlas en Poulo e Parada, e o xoves no Centro Comarcal e na Escola Pública de Montaos
O Concello de Ordes deu comenzo esta mañá a unha serie de xornadas de educación para a sostibilidade dirixidas aos veciños e veciñas do municipio. Unhas xornadas organizadas dende a concellería de Medio Ambiente, en colaboración coa concellería de Obras e Urbanismo e co financiamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.
Os primeiros en participar nestas xornadas, que están enmarcadas no programa de educación para a sostibilidade vinculado ao PXOM, foron os veciños de Beán que esta mañá foron partícipes da primeira das charlas informativas na que participou o edil de Medio Ambiente, Xesús Pedreira.
De cara ás próximas citas programadas polas parroquias, mañá mércores terán lugar as charlas no Centro Social de Poulo ás 10:00 horas e ás 16:00 horas na escola pública de Parada. Xa para o xoves día 11 de novembro, realizaranse ás 10:00 horas no Centro Comarcal de Ordes e ás 16:00 horas na Escola Pública de Santa Cruz de Montaos.
Recollida de propostas para o PXOM
Os departamentos de Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Ordes tamén celebrarán unha xornada de recollida de propostas para o PXOM na casa consistorial de Ordes o vindeiro venres 12 de novembro durante todo o día. Con esta iniciativa outórgase un novo medio de expresión aos veciños, facilitando a entrega das súas propostas para ser consideradas no plan de ordenación.
Outra das actividades incluidas dentro deste programa consistirá, o sábado 13 de novembro, ás 10:00 horas, na realización de itinerarios guiados para mostrar os distintos tipos de uso do solo no municipio, como o rústico, urbano ou de especial protección.
Por último, o 15 de novembro, ás 17:00 horas, terá lugar unha mesa redonda no Centro Comarcal de Ordes, co fin de resolver dúbidas que quedaron pendentes nas anteriores xornadas formativas.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
“O programa contempla a posta en marcha de foros de debate para fomentar a participación dos asistentes, animando á poboación a xerar distintas propostas que se terán en conta á hora da revisión do planeamento, beneficiando así tanto ás persoas que os leven a cabo como ao Concello de Ordes"
"As xornadas fan fincapé en determinados puntos como o medio natural, a xestión do territorio, mobilidade sustentable, urbanismo e paisaxe, xestión integral da auga ou actividades que provoquen impacto ambiental no territorio”.
*