Ordes acolle unhas xornadas formativas nas que haberá sesións formativas, recollida de propostas veciñais para o PXOM e itinerarios guiados para coñecer os tipos de uso de solos do municipio
Para máis información chamar ao Departamento de Medio Ambiente do Concello (981 680002)
O Concello de Ordes organiza dende a súa Concellería de Medio Ambiente, en colaboración coa Concellería de Obras e Urbanismo e co financiamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, unha serie de xornadas de educación para a sostibilidade.
Estas actividades, que comezan o martes día 9 de novembro na Casa Rectoral da parroquia de Beán ás 10 horas e continúan ás 16 horas no recinto feiral do Mesón do Vento, están enmarcadas no programa de educación para a sostibilidade vinculado ao PXOM.
As xornadas formativas continuarán ao longo do mes de novembro en Ordes: o 10 de novembro, ás 10 horas no Centro Social de Poulo e ás 16 horas na escola pública de Parada; o 11 de novembro, ás 10 horas no Centro Comarcal de Ordes e ás 16 horas na Escola Pública de Santa Cruz de Montaos.
Novo medio de expresión dos veciños
Os departamentos de Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Ordes tamén celebrarán unha xornada de recollida de propostas para o PXOM na casa consistorial de Ordes o vindeiro 12 de novembro durante todo o día. Con esta iniciativa outórgase un novo medio de expresión aos veciños, facilitando a entrega das súas propostas para ser consideradas no plan de ordenación.
O sábado 13 de novembro, ás 10 horas, realizaranse itinerarios guiados para mostrar os distintos tipos de uso do solo como o rústico, urbano ou de especial protección, dentro do concello. Ademais, o 15 de novembro, ás 17 horas, terá lugar unha mesa redonda no Centro Comarcal de Ordes, co fin de resolver dúbidas que quedaron pendentes nas anteriores xornadas formativas.
As frases de Xesús Pedreira, concelleiro de Medio Ambiente de Ordes
“O programa contempla a posta en marcha de foros de debate para fomentar a participación dos asistentes, animando á poboación a xerar distintas propostas que se terán en conta á hora da revisión do planeamento, beneficiando así tanto ás persoas que os leven a cabo como ao Concello de Ordes"
"As presentes xornadas farán fincapé en determinados puntos como o medio natural, a xestión do territorio, mobilidade sustentable, urbanismo e paisaxe, xestión integral da auga ou actividades que provoquen impacto ambiental no territorio”
*