A concelleira do BNG, María Xosé Raña. |
María Xosé Raña: "O pleno apoiará de forma unánime esta moción"
A concelleira do BNG de Ordes, María Xosé Raña anunciou hoxe a presentación dunha moción, que se debatirá no pleno da corporación municipal de Ordes da vindeira semana, na que propoñen que o pleno inste ao Goberno da Xunta de Galicia a realizar unha planificación para a efectividade das previsións contidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Raña manifestou na presentación desta iniciativa que “a violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres. É a manifestación máis clara e brutal da desigualdade aínda existente entre mulleres e homes na nosa sociedade, un indicador de que queda moito traballo para erradicar a discriminación e subordinación das mulleres e acadar unha sociedade igualitaria”.
Unha lei específica contra a violencia de xénero
A concelleira nacionalista salientou que “na pasada lexislatura, en Galiza deuse un paso moi importante para superar esta inaceptábel situación, coa aprobación dunha lei específica para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Unha lei que, por primeira vez, fai un tratamento da violencia de xénero desde unha perspectiva integral, recoñece dereitos para as mulleres que vivan unha situación de violencia no ámbito económico e social e articula toda unha serie de obrigas para as administracións públicas tanto no ámbito preventivo, como no formativo e na asistencia ás vítimas”.
Raña fixo fincapé en que “a Lei prevé a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, un órgano institucional da Xunta de Galiza que ten por obxecto encargarse do estudo, avaliación e seguimento das políticas de violencia de xénero, así como outras medidas que é necesario que se continúen impulsando, como son as relacionadas coa sensibilización social ou a formación de todas e todos os profesionais en ámbitos relacionados, directa ou indirectamente, contra a violencia de xénero”.
A concelleira nacionalista lembrou que “xa o 25 de novembro do ano pasado puñamos de manifesto estas cuestións noutra moción semellante, máis estes e outros aspectos do texto legal quedan aínda por desenvolver, no que constitue unha actividade do goberno galego que nos preocupa, pois a erradicación da violencia contra as mulleres debe ser unha prioridade de calquera goberno, que ten que materializarse na mobilización de recursos e no cumprimento das disposicións legais vixentes nesta materia”.
Sen Servizo Galego de Igualdade
María Xosé Raña afirmou que “máis alá da parálise destes puntos, estase a producir ademais un desmantelamento das poucas estruturas básicas coas que a administración galega contaba neste ámbito, acabamos así, de asistir ao desmantelamento do Servizo Galego de Igualdade e unha redución económica e de medidas en xeral para a prevención da violencia de xénero”.
Por todas estas razóns, a concelleira do BNG amosou o seu convencemento de que “o pleno da corporación municipal apoiará de forma unánime esta moción para instar ao Goberno da Xunta a que cumpra coas súas obrigas para desenvolver os instrumentos legais que permitan a erradicación da violencia de xénero da nosa sociedade”
*