lunes, 19 de julio de 2010

Unha trintena de persoas participan dende hoxe no Curso de Verán da USC

.
Dende o goberno local mostraron a súa satisfacción porque o municipio se volva a converter un ano máis en sede universitaria

Esta mañá inaugurábase no salón de actos do Museo do Traxe Juanjo Liñares de Ordes, o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xestión integral de residuos en Galicia que organizan a USC e o Concello de Ordes. Un curso no que participan unha trintena de persoas, entre estudiantes, representantes de diferentes empresas e tamén de concellos de toda Galicia, e que se desenvolverá no municipio ata o próximo xoves día 22 de xullo.

Ordes: Compromiso co medio ambiente
No acto de inauguración do curso estiveron presentes o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Ordes, Xesús Pedreira, e o director e a secretaria do curso, o profesor de Medio Ambiente y Salud da Universidad Politécnica de Madrid, Francisco Peña e Mª Julia Melgar Riol, profesora de Toxicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Pedreira insistiu na satisfacción do goberno local en que Ordes se volva a convertir un ano máis en campus universitario coa celebración deste curso, así como confirmou novamente o compromiso do Concello de Ordes co medio ambiente.

Un compromiso que asegurou se traduce “na realización de diferentes programas, campañas e iniciativas que apostan pola preservación do medio ambiente, como o programa Ordes Recicla, entre outros, que engloba diferentes actividades en prol da reciclaxe e a boa xestión dos residuos”.

Pola súa banda, tanto a secretaria do curso como o director do mesmo quixeron agradecer ao Concello de Ordes a súa dispoñibilidade para a realización deste curso no que na xornada de hoxe, tal e como explicou o director Francisco Peña, se tratou o tema da xestión dos residuos en Galicia, marcando as directrices da política galega en materia de residuos, “pero tamén noutros lugares como Asturias ou León a través da participación de representantes desas Comunidades”.
.
Eliminación de residuos
O curso ten como obxectivo establecer un foro de debate que aborde a situación actual da eliminación dos residuos en Galicia, os problemas e as carencias que se consideran máis importantes, así como as posibles solucións que se deberán adoptar, coa finalidade de que os técnicos que traballan neste sector participen activamente e dispoñan dunha información o máis rigurosa e obxectiva posible dende o punto de vista científico, e elo sirva para clarificar conceptos e analizar os aspectos máis importantes, ademais de permitir o diálogo e cooperación dos axentes sociais implicados co tema, coa finalidade de contribuir a mellorar a xestión nos concellos galegos.

Tamén pretende contribuir a mellorar a formación e reciclaxe dos técnicos que se adican á xestión de residuos, actualizar a formación do persoal da Administración Local con responsabilidades na xestión dos residuos e implicar ao profesorado e alumnado dos Centros Educativos de Ensino Universitario, Secundario e Formación Profesional na xestión dos residuos.

Foto arriba: María Julia Melgar, Xesús Pedreira e Francisco Peña.

*