lunes, 5 de julio de 2010

Ordes volverá a ser sede universitaria

.
Este seminario, para o que permanecerá aberto o prazo de inscrición ata o día de comenzo do mesmo, versará sobre a xestión integral de residuos en Galicia

A Universidade de Verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) volverá este verán a Ordes despois do éxito acadado na edición do ano pasado coa celebración do curso sobre a Xestión Ambiental nos Concellos Galegos.

Se naquela ocasión, a primeira na historia en que Ordes se convertía en sede universitaria, se celebraba no mes de setembro, nesta ocasión será entre o 19 e o 22 de xullo cando teña lugar este novo seminario baixo o título Xestión Integral de Residuos en Galicia. Un programa creado pola concellería de Medio Ambiente de Ordes e que dirixirá o profesor de Medio Ambiente y Salud da Universidad Politécnica de Madrid, Francisco José Peña Castiñeira, e a profesora de Toxicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, María Julia Melgar Riol.

Eliminación dos residuos
O curso ten como obxectivo establecer un foro de debate que aborde a situación actual da eliminación dos residuos en Galicia, os problemas e as carencias que se consideran máis importantes, así como as posibles solucións que se deberán adoptar, coa finalidade de que os técnicos que traballan neste sector participen activamente e dispoñan dunha información o máis rigurosa e obxectiva posible dende o punto de vista científico, e elo sirva para clarificar conceptos e analizar os aspectos máis importantes, ademais de permitir o diálogo e cooperación dos axentes sociais implicados co tema, coa finalidade de contribuir a mellorar a xestión nos concellos galegos.

Tamén pretende contribuir a mellorar a formación e reciclaxe dos técnicos que se adican á xestión de residuos, actualizar a formación do persoal da Administración Local con responsabilidades na xestión dos residuos e implicar ao profesorado e alumnado dos Centros Educativos de Ensino Universitario, Secundario e Formación Profesional na xestión dos residuos.

Inscricións na web da USC
En canto á inscrición no curso, a matrícula poderá formalizarse a través de internet a través da dirección www.usc.es/cultura/uveran10.htm, ou de maneira presencial ben nas Secretarías dos Cursos de Verán dos Campus de Compostela e o Campus de Lugo da USC, ou ben no departamento de Medio Ambiente do Concello de Ordes, lugares onde tamén se poderá solicitar máis información. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o día do comenzo do curso.

Foto: Momento da pasada edición dos Cursos de Verán 2009 no concello de Ordes.

*