viernes, 2 de julio de 2010

Modesto Pose: "Os socialistas ampliamos o servizo de fisioterapeuta en Ordes"

.
Máis de cincuenta veciños asistiron á conferencia sobre o estado da sanidade en Galicia e en Ordes

No debate, os veciños lamentaron as esperas nalgunhas consultas e interesáronse polo control dos horarios dos facultativos e o aborto

Máis de cincuenta veciños e veciñas de Ordes asistiron na noite do mércores á conferencia sobre o estado actual da sanidade galega impartida por Modesto Pose, voceiro parlamentario socialista en temas de sanidade. Durante hora e media, estes veciños preguntaron as súas dúbidas e amosaron as súas queixas sobre a situación do sistema sanitario galego nunha iniciativa organizada pola Agrupación Socialista de Ordes.

Modesto Pose comezou facendo un resumo xeral da sanidade en Galicia e foise achegando á situación local de Ordes. Así, Pose asegurou que “o nivel da sanidade en España é moi bo”, aínda que sinalou que “coa nova conselleira estamos chocando en duro” e denunciou que “agora a xente na lista de espera ten que agardar moito máis tempo”. Ademais, advertiu dos problemas que pode haber en Galicia coa aplicación da lei do aborto pois “coa opción da obxeción de conciencia, non vai haber centros que fagan abortos con esta conselleira”.

Telemediciña, fisioterapueta e sintrom en Ordes
No caso concreto de Ordes, Modesto Pose indicou que “no bipartito puxemos moitos recursos en atención primaria cuxos beneficios tardan en verse, aínda que en Ordes xa aumentou o persoal, puxemos en marcha o programa de telemediciña ou trouxemos o servizo do fisioterapeuta”. Unhas medidas ás que o secretario xeral da Executiva Local da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, engadíu “a chegada do sintrom, que permite que os pacientes poidan facer as análises en Ordes sen teren que desprazarse ata Santiago”.

As esperas, a principal queixa
Tras unha exposición de apenas media hora, Modesto Pose entablou un debate co medio centenar de veciños presentes no restaurante El Túnel. Uns veciños que, en xeral, se queixaron das esperas que teñen que sufrir nas consultas a pesar do servizo de cita previa. Esperas que, nalgúns casos concretos, cifraron en dúas horas.

Pose, médico e inspector médico de profesión, explicou que “como regla xeral, o nivel dos profesionais que traballan en Galicia é bo”, aínda que recoñeceu que sempre hai algunha excepción e lamentou a falla dunha aposta maior pola Inspección Médica. Un punto no que coincidiron os veciños, que denunciaron que non se controle o cumprimento dos horarios por parte dos facultativos e se interesaron tamén polo custo real da asistencia sanitaria e polo sistema de copago.

*