.
No mes de agosto tamén se celebrarán máis cursos de natación
A piscina municipal de O Muíño está en pleno funcionamento, e o pasado día 1 de xullo poñía en marcha os cursos de natación para este mes. Uns cursos que teñen lugar todas as mañás de luns a venres e nos que están a participar 78 rapaces e rapazas do municipio repartidos en cinco grupos diferentes. No mes de agosto o Concello tamén ten previsto celebrar máis cursos de natación.
Por outra banda, durante toda a tempada, todos aqueles que estean interesados, poderán adquirir o carné da piscina para toda a época estival. Uns carnés que se poderán solicitar na Concellería de Cultura e Deporte do Concello de Ordes, situada na planta baixa da Casa Consistorial. Os prezos destes carnés son de 6,27 euros para rapaces e rapazas de 3 a 15 anos, e 12,54 euros os adultos de 16 anos en adiante.
Por outra banda para todos aqueles que non teñan o carné, as entradas ás instalacións terán un coste de 0,65 euros ao día para os menores (de 3 a 15 anos), e 1,25 euros para os adultos (16 anos en adiante). O horario de apertura da piscina é de 11 a 21 horas.
Servizo de bibliopiscina
Entre os servizos cos que conta esta instalación, un ano máis, os usuarios poden xa disfrutar dun servizo de bibliopiscina no que colabora a Biblioteca Municipal de Ordes. A través deste servizo, durante a súa estancia na piscina, os usuarios poden consultar infinidade de libros de diferentes temáticas e estilos, dirixidos a todas as idades, e co que dende o Concello pretenden fomentar a lectura tanto entre os máis pequenos como entre os adultos, á vez de proporcionar un entretemento máis para os usuarios das instalacións.
Ademais este ano a bibliopiscina conta cun novo servizo, que supón a posibilidade de que os usuarios poidan facer un intercambio de libros, cambiando un libro da súa propiedade por outro dunha selección de exemplares da bibliopiscina. Tamén como novidade este ano, a bibliopiscina conta cunha sección de comicteca na que os amantes do mundo do cómic poden encontrar algúns dos títulos máis característicos deste estilo.
*