jueves, 15 de julio de 2010

Solicita o teu carné xove no Concello

.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil tramitou dende a súa posta en marcha máis de douscentos carnés xoves

A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ordes tramitou máis de douscentos carnés xoves dende a súa posta en marcha. Uns carnés, promovidos pola Xunta de Galicia, dirixidos a mozos e mozas de ata 30 anos que proporcionan unha serie de vantaxes como descontos en determinadas tendas e centros de diversa índole de todo o territorio galego.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Ordes púxose en marcha hai agora dous anos, facéndose durante o ano 2008 un total de 139 carnés xoves, aos que se sumaron outros 57 durante 2009, e 30 máis no que vai deste ano 2010.

Por outra banda, a esta iniciativa que xestiona a OMIX ordense, súmanse outras actividades dirixidas aos mozos e mozas da localidade. Entre estas actividades está a de servir como punto informativo sobre todo tipo de programas, axudas, así como iniciativas tanto de ocio como formativas para a xuventude que se desenvolven ben dende o Concello, ou mesmo dende a Xunta de Galicia.

Poderás atopar a Oficina na planta baixa do Concello
Para todos aqueles que queiran facer uso deste servizo que o Concello pon a disposición dos mozos e mozas ordenses, a Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ordes está ubicada na planta baixa da Casa do Concello e aberta ao público de luns a venres de 9 a 14:30 horas.



*