Silvia Fraga e Xesús Pedreira queren que a Xunta investigue se o accidente foi froito dunha falta de dilixencia, dunha mala instalación ou dunha combinación de infortunios
A deputada no Parlamento de Galicia, Silvia Fraga Santos e Xesús Pedreira Mirás, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, presentaron esta mañá na sede dos socialistas ordenses dúas iniciativas parlamentarias dirixidas a esclarecer o accidente acontecido o pasado martes 20 de setembro, cando o desprendemento dun salva-escaleiras feriu a un alumno con problemas de mobilidade que neses intres o estaba utilizando.
Xesús Pedreira indicou que “o máis importante de todo é que, afortunadamente, o rapaz evoluciona favorablemente dun accidente que puido ter unhas maiores consecuencias, e que tamén causou unha lóxica preocupación e alarma entre toda a comunidade educativa de Ordes xa que o grado de seguridade das instalacións do centro quedou en cuestión”. Por iso, o Grupo Parlamentario Socialista vén de presentar diante da Mesa do Parlamento unha proposición non de lei e unha pregunta para a súa resposta en Comisión sobre este accidente.
“Nós non estamos culpando a ninguén do accidente, pero queremos que a Consellería de Educación investigue como é posible que unha instalación que apenas leva un ano en funcionamento faie e se desprenda deste xeito”, sinala Silvia Fraga. A parlamentaria socialista insiste en que “queremos saber se o que pasou no Castelao é froito unha falta de dilixencia, dunha mala instalación ou dunha desgraciada combinación de infortunios, porque a comunidade educativa de Ordes merece unha resposta”.
Nas súas iniciativas, o grupo parlamentario socialista esíxelle á Consellería de Educación que informe se o aparato elevador ten pasado as revisións correspondentes e se a Xunta revisa o estado destes aparellos nas datas previas ao comezo do curso. “Esperemos que as instalacións pasaran todos os controis pertinentes, pois non queremos pensar que a austeridade do Goberno Feijoo chegue a estas materias, aínda que certo é que dende a chegada do PP á Xunta se reduciu considerablemente o investimento en educación”.
Por iso, os socialistas tamén esixen a reparación inmediata do aparato elevador do CEIP Castelao ou a súa reposición por outro para que estea canto antes en funcionamento para dar servizo ao alumnado con problemas de mobilidade que estuda no centro. Así mesmo, solicitan unha revisión de todos aqueles aparatos elevadores de características técnicas similares ao do CEIP Castelao que poida haber instalados en Galicia.
Por último, Xesús Pedreira confirmou que o vindeiro xoves 29 de setembro presentará diante do Pleno de Ordes unha moción para recabar o apoio de todos os concelleiros do municipio á realización dunha investigación sobre o accidente no salva-escaleiras do colexio Castelao. Pedreira insiste en que a Consellería de Educación ten que garantir a seguridade e a integridade física do alumnado ordense e agarda conseguir o apoio de todos os grupos políticos municipais á súa proposta.
*