Técnicos informáticos da empresa Allticnor explica aos veciños e ao propio alcalde Manuel Regos os detalles deste tipo de conexión a internet vía satélite Hispasat. |
O alcalde Manuel Regos acudiu esta mañá á primeira proba do servizo de conexión por satélite no rural ordense
Regos: "A conexión a internet no rural é moi importante ademais de estar moi demandada"
O alcalde Manuel Regos, participou esta mañá, acompañado polo edil de Obras e Urbanismo, Roberto González e a concelleira de Educación, Mantemento e Servizos, Silvia Marín, así como de veciños e veciñas, á primeira proba do servizo de banda ancha de internet por satélite na parroquia de Barbeiros. Tratouse hoxe da presentación nesta parroquia dun sistema que permitirá que os veciños do rural ordense, a onde non chega o ADSL, non só poidan acceder á banda ancha senón que teñan totalmente gratis a instalación e adquisición dos dispositivos precisos para desfrutar deste servizo, consistentes nunha parabólica e un receptor.
Así, os encargados de presentar aos veciños este sistema foron representantes da empresa Allticnor SLNE, na que participan as empresas locais IDE informática e PM Sat, responsables da dotación dos equipos informáticos e das antenas precisas para cada caso.
Esta implantación de banda ancha no rural non terá custo ningún para o Concello, xa que é un servizo orientado para o cliente final. Manuel Regos, quixo dar a coñecer aos veciños do rural ordense esta posibilidade de contar con banda ancha na súa zona, cuestión que, tal e como explicou, estaba a ser moi demandada e moi importante para os veciños das parroquias.
Os interesados neste servizo, que está financiado polo Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, poderán recibir máis información nos teléfonos 981691252 ou 664 269 770. Os usuarios poderán contratar distintos paquetes que van dende 1 ata 8 megas. Allticnor SLNE prestará o servizo co apoio de Hispasat, operador líder no mercado español e iberoamericano, grazas á súa plataforma de acceso a Internet vía satélite de última xeración, ofrecendo un 100% de cobertura.
*