O Concello de Ordes anímanos a non abusar do uso do automobil co gallo da celebración da Semana Europea da Mobilidade
O Concello de Ordes, a través do departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible que dirixe o edil José Luis Gómez Candal, quixo sumarse á conmemoración da Semana Europea da Mobilidade que ten lugar do 16 ao 23 de setembro. Así dende o Concello queren concienciar aos veciños e veciñas do municipio para que non se abuse do uso do coche, animándoos a facer os seus traslados rutinarios e diarios de pouco percorrido en bici ou a pé.
Unha iniciativa que se suma así a outra campaña posta en marcha por este departamento, baixo o título “Comparto Coche”. Unha campaña municipal que pon a disposición dos veciños un servizo que facilita o encontro de persoas que estean interesadas en compartir vehículo para realizar traxectos rutinarios de traballo, estudos, etcétera.
A través desta iniciativa, preténdese que compartindo coche se reduzan o número de vehículos que circulan polas estradas, disminuir os atascos, o consumo enerxético e a contaminación, ademais de que os participantes poidan aforrar combustible.
Dende o Concello de Ordes animan a todos a que participemos na campaña, da que poden recibir máis información así como inscribirse no departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible do Concello, chamando ao teléfono 981680002 ou ben a través do perfil de facebook “Medio Ambiente Ordes”, no que poderán encontrar ademais outras actividades e iniciativas que leva a cabo o Concello en materia de medio ambiente.
*