Alertan de que cos 48 000 euros cos que o Concello pagou a indemnización ás orquestas das festas de 2007, xa terían para estas subvencións
O Partido Popular de Ordes alertou onte de que o Concello está a remitir estes días unha carta ás diferentes asociacións do municipio nas que lles comunica a supresión das axudas municipais destinadas a apoiar as celebracións deportivas, culturais ou festas populares. Aviso que, a xuízo dos populares, "é consecuencia da política de derroche de recursos públicos practicada polo equipo de Manuel Regos durante os últimos catros anos, nos que situou ao Concello Ordes ao borde da bancarrota".
Recordan os populares que a supresión das axudas para dinamización da vida cultural e deportiva do municipio se derivan "de decisións arbitrarias adoptadas polo alcalde na súa primeira lexislatura, como cando en 2007, logo de tomar posesión, cancelou unilateralmente os contratos das orquestras que ían actuar nas festas patronais dese ano, no que contratou outras formacións". Recordan os populares respecto a este incidente que pasado o tempo, a Audiencia Provincial da Coruña condenou ao Concello a indemnizar ás orquestras afectadas con 48.000 euros, polo que o Concello acabou pagando dúas veces as festas de 2007.
Só con eses preto de 50.000 euros, o Concello de Ordes podería financiar actividades deportivas e culturais de todo tipo durante 2012, matizan dende o PP local.
*