O pleno municipal aproba diferentes mocións do PP, PSOE e BNG,
Regos asegura que se non está listo o cuartel da Guarda Civil en 2012, o Ministerio pagará un aluguer ao Concello de Ordes
A corporación municipal do Concello de Ordes celebrou onte pola tarde o pleno ordinario do mes de setembro. Un pleno, no que en primeiro lugar, o alcalde Manuel Regos, deu conta de sendas reunións mantidas en Madrid, unha co Director Xeral da Garda Civil en relación á construción do cuartel, e outra cos encargados do Plan Miner do Ministerio de Industria para a mellora da estrada de Mercurín.
En canto ao cuartel da Garda Civil o alcalde explicou que trala reunión acordouse que se en 2012 non se leva a cabo a construción do cuartel, tal e como se asinara nun convenio entre ambas administracións, a Garda Civil pagará un aluguer polas instalacións que están a utilizar en Ordes.
Por outra banda e en canto á reunión coa responsable do Plan Miner en relación á mellora da estrada de Mercurín, o alcalde trasladoulle a necesidade de axilizar a sinatura do convenio para a realización das obras, xa que tal e como lembrou, o Concello xa ten realizado o proxecto técnico e enviado a Madrid.
O pleno do Concello de Ordes aprobou tamén a designación do edil de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible, José Luis Gómez Candal, como vogal e representante do Concello na Asamblea Xeral da Rede Galega de Concellos pola Sostibilidade, e ao concelleiro Roberto Iglesias como suplente.
Mocións da oposición
Ademais a sesión plenaria deste mes de setembro tamén tratou diferentes mocións presentadas por cada un dos grupos da oposición. Así, aprobáronse cos votos a favor do goberno local, BNG, PSOE e CideG e a abstención do PP, dúas mocións presentadas polo edil socialista, unha na que se insta á Xunta a que se esclarezan as causas do accidente nun salvaescaleiras do colexio Castelao, e que se repare e se revisen os aparatos de características similares que poida haber noutros centros; e outra na que se solicita á Xunta que axilice a transferencia dos cartos ao Concello para que este poida pagar á empresa encargada das obras da 2ª fase da rolda leste e finalizar as obras.
Nesta última cuestión, o alcalde, Manuel Regos, insistiu en que non quere entrar en polémicas, que se trata dun proxecto realizado en dúas fases, a primeira executada, pagada e en funcionamento, e unha segunda fase que confía, tamén se pagará por parte da Xunta e estará rematada antes do 31 de decembro.
Por outra banda o BNG presentou tamén unha moción na que solicitaba que non se retirasen as axudas para as asociacións culturais do municipio. Montserrat Rei, concelleira do BNG, defendeu o mantemento da moción na que os nacionalistas propoñían o mantemento das axudas ás asociacións culturais e deportivas do concelllo. Moción foi aprobada co voto a favor de todos os grupos políticos, excepto o goberno municipal que votou en contra. Para Rei “esta actuación resulta inaceptábel e inxustificada porque non resulta convincente apelar a unha suposta austeridade para eliminar unhas axudas e colaboracións moi importantes para as asociacións culturais e deportivas do noso concello, cando só supoñen un 0,4% total do Orzamento anual do Concello de Ordes, e significan unha cuarta parte do que pretendía cobrar o goberno municipal en soldos e retribucións”.
A esta cuestión a concelleira Silvia Marín explicou que o que se pretende non é eliminar as axudas para as asociacións, senón que se priorizarán as axudas para aquelas entidades que traballan e realizan actividades tanto culturais, como sociais e deportivas para os veciños e veciñas de Ordes, e o que se retirarán serán outro tipo de axudas como material para a realización de festas como carpas, xeneradores, etcétera, ao existir ademais a posibilidade de cederlles instalacións e locais municipais para a súa celebración sen necesidade de ocasionar máis gastos.
A segunda das mocións dos nacionalistas, aprobada cos votos da oposición, instaba ao goberno local a incluir no Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS) dúas obras, a urbanización da zona do Ceidón e a pavimentación e mellora da pista da Maquía en Pereira.
O portavoz do BNG, Gonzalo Castro manifestou a este respecto que “hai tres anos anunciouse o inicio das obras de abastecemento e urbanización da Rúa do Ceidón, no barrio do Paraiso, e pasado ese tempo esta zona continua nun estado de total abandono, facéndose totalmente intransitábel e enchéndose de lama cando chove, o que está a ocasionar numerosos probemas aos veciños que residen nesta zona”.
O pleno tratou por último dúas mocións presentadas polo PP. A primeira delas, relativa ás obras nos panteóns do cemiterio municipal de O Balado para o que xa se celebraron diferentes reunións cos propietarios, e onde, tal e como explicou a concelleira Silvia Marín, se lles deu un orzamento orientativo das obras en base ás realizadas recentemente nos novos panteóns. A concelleira insistiu en que foron os propietarios os que pediron ao Concello asesoramento neste tema debido á necesidade da súa reparación.
Na moción, os populares instaban ao goberno local a presentar tres orzamentos alternativos para a realización das obras e a participación dunha representación dos propietarios na contratación dos traballos. Ante este último punto, o secretario do Concello explicou que en caso da realización das obras a contratación faríase mediante un expediente de contratación, no que non poden participar os veciños ao tratarse dun trámite técnico.
A edila Silvia Marín, negou que o orzamento presentado aos veciños estivese inflado, tal e como acusaban dende o PP na moción, e engadiu que dese orzamento o 37% correspondía xa a impostos.
A última das mocións tratadas no pleno, presentada tamén polos populares, instaba ao alcalde a facer públicas a veciños e veciñas e a grupos da oposición as facturas pendentes de pago que hai no Concello. Unha cuestión na que o secretario tamén interviu ao aclarar que o acceso a documentación municipal para os concelleiros está regulado polo Regulamento de Organización Municipal, e para os veciños pola Lei de Procedemento Administrativo.
O goberno local, en base aos informes dos técnicos municipais, tal e como explicou o alcalde, votou en contra desta moción. Ademais o primeiro edil explicou que próximamente se celebrará un pleno extraordinario no que se presentará a conta xeral de 2010 e insistiu en que ao igual que ao resto de administracións, a crise tamén está afectando a Ordes e que haberá que facer recortes nalgúns campos, aínda que asegurou, “seguiremos apostando polo mantemento dos servizos sociais, a atención aos máis necesitados e por servizos como a guardería”.
N-550 en Leira
No apartado de rogos e preguntas o BNG solicitou que se instara a Fomento á reposición dunha liña discontinua na N-550 ao seu paso pola parroquia de Leira para facilitar o acceso aos veciños. Castro afirmou que “esta proposta conta co aval de máis de 500 sinaturas de veciños e veciñas que debido ao debido ao cambio da liña discontinua que existía antes neste punto kilométrico por unha liña continua, ve obrigados a continuar tres kilómetros até a rotonda do Mesón do Vento, para poder cambiar o sentido da marcha e acceder a estes núcleos de poboación”.
A esta cuestión dende o goberno local contestaron que xa o pasado día 1 de setembro se enviou á Demarcación de Carreteras do Estado do Ministerio de Fomento un escrito, acompañado por un informe da Policía Local, solicitando esta cuestión demandada polos veciños e veciñas da zona.
Por outra banda, tamén se tomou en conta outro rogo do PP para que o Concello solicite ao Ministerio de Facenda que se adíe o pagamento das cantidades a devolver correspondentes ás liquidacións negativas da participación nos Ingresos do Estado dos anos 2008 e 2009, fixadas actualmente en cinco anos, ata un prazo de dez anos; e tamén solicitar que o Goberno do Estado adopte unha medida tendente a garantir que os ingresos netos que percibirán as entidades locais en concepto de Participación nos Ingresos do Estado non sexan inferiores que os que percibiron durante 2009.
Podes escoitar o pleno municipal a través das ondas de Radio Ordes a través deste enlace.
Podes escoitar o pleno municipal a través das ondas de Radio Ordes a través deste enlace.
*