viernes, 23 de septiembre de 2011

Inaugurada nos baixos da Alameda a nova sede da Mancomunidade

De esquerda a dereita, Xosé Dafonte Varela, alcalde de Trazo; Miguel Prado Patiño, alcalde de Frades; Manuel Regos, presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes; Mariano Iglesias Castro, alcalde de Mesía; Xosé García Liñares, alcalde de Cerceda; Antonio Pereiro Liñares, alcalde de Tordoia; e Manuel Mirás, alcalde de Oroso.

Manuel Regos: "A Mancomunidade acollerase ás axudas que anuncia a Xunta para mancomunar servizos como a recollida de residuos, grúa e parque de maquinaria ou acondicionamento común de estradas"

Os sete alcaldes dos concellos que conforman a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes inauguraron na mañá de onte a nova sede da entidade comarcal, que está situada nos baixos da Alameda de Ordes. O presidente da Mancomunidade e alcalde de Ordes, Manuel Regos, exerceu de mestre de cerimonias e guiou á comitiva oficial na súa primeira visita ás novas instalacións, nas que están ubicados todos os servizos e todos os profesionais que traballan na Mancomunidade de Ordes.

A inauguración deu paso á primeira sesión do pleno desta nova etapa da Mancomunidade de Municipios de Ordes.
Baixos da Alameda
Manuel Regos asegurou que “se trata duns locais moi necesarios para que os profesionais da Mancomunidade poidan desenvolver a súa labor e poidan prestar un mellor servizo aos veciños xa que, ao ter un espazo común de traballo, gañarán en operatividade”. Deste xeito, os baixos da Alameda acollen dende hoxe aos 22 profesionais que traballan na Mancomunidade de Ordes, despois da recente contratación dunha axente de Igualdade. Ademais, os baixos da Alameda ordense alberga as oficinas administrativas e as dependencias do Centro de Información á Muller (CIM), do Servizo de Atención Temperá, do Servizo de Prevención de Drogodependencias, do Servizo de Orientación Laboral ou das traballadoras sociais en materia de familia, menores, inmigración ou terceira idade. Ata o de agora, todos estes servizos estaban espallados por distintas oficinas ubicadas na casa consistorial de Ordes, na antiga escola a carón da Casa da Cultura ordense ou no centro comarcal, por exemplo.

O presidente Manuel Regos guía aos alcaldes da Mancomunidade polas novas instalacións.
Novos servizos mancomunados
Logo da visita, o Pleno da Mancomunidade de Ordes celebrou a súa primeira sesión despois da súa constitución. Unha sesión presidida por Manuel Regos e na que participaron os outros seis alcaldes que compoñen o pleno da Mancomunidade: Xosé García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo).

Regos Boquete agradeceu especialmente o traballo realizado polos anteriores presidentes da Mancomunidade “que fixeron unha gran labor e só espero poder estar á súa altura nos próximos catro anos”. Unha lexislatura que se presenta especialmente complicada pola situación de crise económica xeralizada e que afecta especialmente aos Concellos. Por iso, Manuel Regos anunciou que “hai uns días a Xunta falaba de abrir axudas para mancomunar servizos, estamos ante un momento importante onde temos que traballar xuntos para, entre todos, poder saír desta crise”.

Así, esta primeira reunión serviu para que todos os alcaldes da Mancomunidade puxeran sobre a mesa os servizos que lles interesaría mancomunar. Deste xeito, a Mancomunidade de Ordes estudiará a posibilidade de mancomunar os servizos de recollida do lixo, recollida de animais abandoados, crear un grupo de axuda para emerxencias, crear un parque de maquinaria e un servizo de grúa en común, o acondicionamento común de estradas e mesmo un servizo dixital para o rural (que permitiría o envío de avisos por SMS e realizar consultas electrónicas).

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Manuel Regos, e o alcalde de Oroso, Manuel Mirás.
Axudas da Xunta de Galicia
Deste xeito, a Mancomunidade ordense pretende acollerse ás axudas anunciadas pola Dirección Xeral de Administración Local para potenciar que se mancomunen servizos entre os concellos. Unhas propostas que se estudiarán e se tentarán concretar en vindeiras reunións xa que “todos os alcaldes estamos dispostos a mancomunar servizos para que sexan máis rentables e operativos. Estamos falando de que Ordes é unha das mancomunidades máis antigas que existen e o que pretendemos é seguir ofrecendo servizos a menor coste polo ben de todos os nosos veciños e veciñas”, apuntou Regos Boquete.

*