Os nacionalistas propoñen incluir a urbanización no Plan municipal de obras e servizos
Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG de Ordes, acusou hoxe ao alcalde de Ordes de “mentir e enganar aos veciños de Ordes, cando hai tres anos anunciou a realización de obras de saneamento e urbanización da zona do Ceidón, situada no barrio do Paraíso”.
O portavoz do BNG afirmou que “o alcalde anunciou hai tres anos o inicio das obras , e pasado ese tempo esta zona atópase nun estado de total abandono, facéndose totalmente intransitábel e enchéndose de lama cando chove, o que está a ocasionar numerosos problemas aos veciños que residen nesta zona”.
Castro salientou que “foi grazas a unha iniciativa do BNG no mandato pasado polo que, despois de anos de abandono, conseguiuse facer a rede de sumidoiros, mais, despois das eleccións municipais, o alcalde volveu a abandonar esta zona e paralizou as obras”.
O portavoz municipal do BNG lamentou a “incapacidade do alcalde para executar as obras de urbanización da zona do Ceidón” e manifestou que “o BNG levará unha moción ao próximo Pleno Municipal para incluir esta obra no Plan de obras e servizos, co obxectivo de dotar de servizos e urbanizar esta zona residencial de expansión do concello de Ordes, incluindo a recollida de pluviais, as beirarrúas e a pavimentación”.
*