jueves, 22 de septiembre de 2011

Pedreira pediulle ao delegado do Goberno en Galicia reformas na N-550 ao seu paso por Ordes

O delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, e o concelleiro ordense Xesús Pedreira, onte na Coruña. 

Tamén reclamoulle a Cortizo unha solución para o problema do mantemento da estación da Pontraga e o canon que o Concello de Ordes paga a Adif

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, reuníuse onte na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, para darlle traslado dunha serie de peticións veciñais para o repintado da N-550 ao seu paso polo Mesón do Vento, Santa Cruz de Montaos e Leira. “Son unha serie de demandas que nos fixeron chegar os veciños e que mellorarían a circulación en Ordes sen ter que facer costosos investimentos”, sinalou Pedreira.

Así, os socialistas de Ordes solicitaron a eliminación da liña continua na N-550 ao seu paso pola localidade do Mesón do Vento. “No partido socialista recibimos moitas peticións de veciños e empresarios da zona que piden que a liña sexa discontinua”, explica Xesús Pedreira. Ademais, Pedreira Mirás tamén solicitou que a sinalización horizontal no Brumeiral (Leira) volva a deixarse como na súa orixe, cunha liña discontinua na N-550 (sentido Coruña).

Reordenación en Montaos
Así mesmo, Pedreira tamén fixo especial fincapé na necesidade dunha reordenación do tráfico ao seu paso por Santa Cruz de Montaos. “Xa existe un proxecto en Conservación de Carreteras para mellorar a seguridade nos accesos a Fosado e Queis, só hai que habilitar os desvíos cun simple repintado da zona”, indica Xesús Pedreira. Deste xeito, a opción presentada polos socialistas ordenses suporía a eliminación de parte do carril de aceleración na entrada á localidade de Santa Cruz de Montaos para poder así habilitar unha zona para o desvío dos vehículos que circulan pola N-550 (sentido A Coruña) cara Fosado.

Finalmente, Xesús Pedreira tamén solicitou a mediación de Miguel Cortizo diante do ADIF para ver de buscarlle unha solución ao problema que o Concello de Ordes ten co mantemento da antiga estación da Pontraga. “Pedímoslle ao Delegado do Goberno a súa mediación para que eses cartos que o Concello ten que pagarlle ao ADIF podan utilizarse para outros investimentos máis necesarios”, concluíu o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes.

*