Segundo o portavoz nacionalista, "detrás desta actitude do alcalde, existe intención de ocultar información aos veciños"
Dende o Bloque insisten na necesidade dunha auditoría externa das contas municipais
O portavoz municipal do BNG de Ordes, Gonzalo Castro, acusou hoxe ao alcalde, Manuel Regos, de “incumprir as súas obrigas legais e non levar a conta xeral de 2010 ao pleno para o seu debate e aprobación antes do primeiro de outubro, tal e como establece a lei ”.
O naionalista afirmou que “o alcalde pretende evitar que os veciños e veciñas de Ordes coñezan a nefasta xestión realizada polo goberno municipal, tal e como se constata nun informe da Intervención municipal do Concello de Ordes, informe que forma parte da documentación da conta xeral de 2010” .
Gonzalo Castro, manifestou que “o alcalde pretende ocultar que un informe da intervención municipal ven a evidenciar a súa xestión caótica e irresponsábel, o que confirma a necesidade de realizar a completa auditoría externa das contas do Concello, proposta polo Pleno o pasado mes de xullo, a iniciativa do BNG”.
O portavoz do BNG salientou que, “ademais do total incumprimento do plan de saneamento, o informe da Intervención que forma parte da conta xeral tamén advirte do incremento da débeda do Concello durante o ano 2010 en máis de dous millóns de euros, o que supón una débeda acumulada por habitante de 662 euros, situando a Ordes como un dos concellos galegos máis endebedados.” O portavoz do BNG sospeita que “detrás desta actitude do alcalde, existe a intención de ocultar aos veciños información relativa a actuacións inconfesábeis deste goberno municipal”.
Castro reafirmou o “compromiso do BNG coa transparencia, por iso seguiremos traballando para que se aclaren todas as cuestións relativas á critica situación económica do Concello de Ordes, que, debido ao estrago de recursos públicos, atópase cunha débeda que xa rolda os once millóns de euros, e que sigue a impedir atender o pago dos servizos e traballos dos provedores do Concello, ocasionando un grave quebranto económico aos autónomos e ás empresas de Ordes”.