miércoles, 28 de septiembre de 2011

O PP quere que o Concello publique as súas facturas pendentes de pago

Martínez Sanjurjo: "So dende unha actitude transparente é posible achegar credibilidade a un Concello lastrado polas débedas"

O grupo municipal do Partido Popular de Ordes defenderá, no pleno previsto para maná, unha moción para instar ao Concello a facer públicas todas as facturas pendentes de pagamento correspondentes a gran parte do valor das obrigas de pago por máis de once millóns de euros, importe aproximado da débeda, aseguran dende o PP, "que sitúa a esta Administración local ao borde da bancarrota".


Dende o PP apuntan que a lexislación en vigor obriga ás administracións locais a dispor dun rexistro de todas as facturas e demais documentos emitidos polos contratistas, feito que facilita a materialización da proposta formulada polo PP, dado que non implicaría esforzo adicional algún para os servizos do Concello.

Credibilidade
José Luis Martínez Sanjurjo, voceiro municipal do PP de Ordes agarda que esta proposta sexa aprobada, na medida en que "só desde unha actitude transparente será posible achegar credibilidade a un Concello lastrado por débedas millonarias que o sitúan ao borde da bancarrota". O portavoz popular considera, ademais, que "o grupo de Goberno, que conduciu ao Concello de Ordes a esta situación, está obrigado a informar con detalle en qué gastaron a débeda millonaria que pesa sobre todos os ordenses".

Cemiterio municipal
Nesta mesma liña, o PP local defenderá no pleno unha segunda moción para esixir a participación dunha representación dos propietarios dos panteóns do cemiterio municipal do Balado no proceso de contratación das obras de mellora nas instalacións existentes.

As diferentes reunións celebradas ata o de agora entre representantes do Concello e os propietarios dos nichos saldáronse cun notable malestar dos veciños dado o intento de encargar os traballos –que serán pagados integramente polos donos dos panteóns- a unha empresa concreta, malia que presenta un presuposto inflado que supera amplamente o valor da obra.

A proposta presentada polo Concello de Ordes aos propietarios para executar as obras de cubrición dos panteóns e dos patios e as recollidas de pluviais ascende a 1.253 euros por cada columna de panteóns (máis de 100.000 euros por cada mazá de nichos).

Para superar esta situación, o PP reclamará que o Concello presente, polo menos, tres presupostos alternativos de outras tantas empresas, e que unha representación dos propietarios dos nichos participe en todo o proceso de contratación das obras para que este se efectúe con absoluta transparencia.

A frase de José Luis Martínez Sanjurjo, voceiro do PP de Ordes
“Máis aló das obras para redecorar despachos de luxo que continúa acometendo no Consistorio, se conserva algo de dignidade, o alcalde debería permitir que os veciños coñezamos en qué malgastaron os once millóns de euros convertidos en débeda e que acabaremos pagando todos cos nosos impostos"

*