domingo, 4 de septiembre de 2011

O BNG prepara unha moción de apoio ás asociacións culturais e deportivas ordenses

Pretenden que estes colectivos non perdan as súas subvencións municipais no futuro 

Con motivo da polémica decisión do Concello de Ordes de cancelar as axudas a actividades culturais e deportivas, o BNG fixo público onte o contido dunha das cartas remitidas polo goberno municipal ás asociacións e entidades nas que se lles informa da eliminación das axudas para actividades culturais e deportivas.

Gonzalo Castro, portavoz municipal do BNG, acusou ao alcalde de Ordes, Manuel Regos “de cinismo político, xa que mentres apela a unha suposta austeridade para eliminar unhas axudas moi importantes para as asociacións culturais e deportivas do noso concello, e que supoñen un montante anual de 50.000 euros, pretendeu aprobar no mes de xullo unha proposta de soldos e asistencias para os membros do goberno municipal que se aproximaba aos 200.000 euros anuais”.

O portavoz municipal nacionalista lamentou que “en lugar de comezar por dar exemplo coas súas propias retribucións, o goberno municipal pretende afogar e deixar sen capacidade para realizar actividades ás asociacións culturais e deportivas, que realizan un traballo moi meritorio e con moi poucos recursos”.

Axudas de 2010 e 2011
Gonzalo Castro informou tamén de que “desde o BNG mantivemos conversas con representantes de varias asociacións culturais e deportivas, onde se nos comunicou que ainda se atopaban pendentes de pago as axudas a actividades culturais e deportivas do ano 2010, ao que hai que engadir o feito de que para o ano 2011 ainda non foron publicadas as bases para as axudas por parte do alcalde”.

A xuizo do portavoz municipal do BNG “esta actuación do alcalde constitue un auténtico agravio comparativo para a cultura e deporte do noso concello e demostra a súa nula sensibilidade con estes asuntos, ao pretender deixar sen recursos as asociacións, mentres pretendeu aprobar unhas retribucións para o seu goberno que supoñen catro veces máis do montante total das subvencións en cultura e deportes”.

Moción do BNG
Finalmente, Gonzalo Castro anunciou que “despois de falar con representantes das asociacións, o BNG asumiu o compromiso de defender as súas reivindicacións no pleno, razón pola que presentaremos unha moción no pleno de setembro para que se abonen as axudas á cultura e deporte pendentes de pago e se manteñan as mesmas para o próximo ano”.

*